O Ciclo Mestre Mateo de Curtas leva o mellor do audiovisual galego a 24 concellos sen salas de cine

O Ciclo Mestre Mateo de Curtas regresa este venres cun percorrido por 24 concellos galegos sen salas comerciais estables, levando o mellor do cinema galego en formato curto a públicos de toda Galicia. A iniciativa é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual.
O programa inclúe oito curtametraxes finalistas e gañadoras da última edición dos Premios Mestre Mateo nas categorías de animación e imaxe real, divididas en dúas sesións. Entre elas destacan obras realizadas con apoio da Xunta como Platónico, Platónica, Pura, Véxote e Eu vou comigo, así como Nai, Sinapse, Avetimología e Noites de prata.
As proxeccións comezarán no cine Alfonsetti de Betanzos e continuarán por concellos das catro provincias, como Boiro, Cedeira, Marín, Mondariz, Foz, Sarria ou Vilalba. Na provincia de Ourense engadiranse sete concellos máis nas próximas datas.
Durante a presentación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, destacou que este ciclo representa unha aposta pola cultura accesible, descentralizada e en galego, cumprindo os principios da Lei de Cultura Inclusiva e promovendo novos talentos do audiovisual galego.
Sutil tamén puxo en valor o apoio ao formato curto a través doutras iniciativas da Consellería de Cultura, como as liñas de axuda ao audiovisual ou o catálogo internacional Shorts from Galicia, que se distribúe anualmente en eventos como o festival de Clermont-Ferrand.
O ciclo, financiado pola Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto de Cinematografía y de las Artes Audiovisuales, é xa o maior escaparate do cinema galego en formato curto fóra das grandes cidades.