O CIM móbil continúa o seu percorrido visitando 13 concellos da provincia de Lugo este mes

O novo delegado territorial, Alfonso Villares, visitou hoxe en Xermade un destes centros, que ofrecen información e asesoramento gratuíto en materia de igualdade e violencia de xénero
CIM-mobil-xermade
4 Jun 2026

Unha unidade móbil do Centro de Información á Muller (CIM) da Consellería de Política Social e Igualdade percorrerá trece concellos da provincia de Lugo durante o mes de xuño.

O delegado territorial Xunta, Alfonso Villares, visitou o servizo na súa parada en Xermade, onde está no día de hoxe. Nas vindeiras xornadas continuará o itinerario en Portomarín – martes día 9 -; Guntín – xoves 11 -; Alfoz do Castrodouro – mércores 17 -; Cervantes – xoves 18 -; o Páramo – venres 19 -; O Incio – luns 22 -; Negueira de Muñiz – martes 23 -; A Pobra do Brollón – xoves 25 -; Pantón – venres 26 -; Ourol – luns 29 -; e Guitiriz – martes 30 -.

O Goberno galego puxo en marcha esta iniciativa o pasado mes de febreiro co obxectivo que achegar os CIM a toda a xeografía galega, en especial a aqueles concellos onde non existen este tipo de centros.

A finalidade é que toda a cidadanía teña acceso a este recurso, que ofrece información, asesoramento, atención, orientación e acompañamento psicolóxico, social e xurídico gratuíto en materia de igualdade e violencia de xénero.

Os centros itinerantes están atendidos por profesionais especializados nesta materia, entre os que figura unha psicóloga e unha traballadora social. Calquera cidadán pode acudir a demandar información relacionada coa igualdade e con aspectos relacionados co machismo ou os roles de xénero.

Na páxina web da Xunta hai un espazo adicado aos CIM móbiles, onde as persoas interesadas en contactar co servizo tamén poden atopar correo electrónico e un teléfono de información.

A Xunta tamén aprobou no Consello do pasado luns a orde de axudas deste ano para apoiar o funcionamento da rede de CIM distribuídos pola comunidade, á que destinará un orzamento de máis de 5 M€ para financiar os gastos do persoal que atende estes centros. Unha vez que as axudas saian publicadas no DOG, os concellos disporán dun mes para solicitalas.

0.34299802780151