O CIM-UVigo confirma o primeiro rexistro en augas españolas do peixe de profundidade 'Bregmaceros atlanticus'

O investigador Alejandro de Carlos do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo participou nun estudo internacional que permitiu confirmar, por primeira vez, a presenza do peixe mesopelágico Bregmaceros atlanticus en augas españolas, concretamente en Canarias.
O traballo, publicado recentemente na revista científica Marine Biodiversity, está liderado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e nel tamén participou a Universidade de La Laguna. “Aínda que tradicionalmente se considerara que Bregmaceros atlanticus presentaba unha distribución circumtropical, con presenza nos océanos Atlántico, Índico e Pacífico, os resultados obtidos apoian a hipótese de que a súa distribución real podería estar limitada ao Atlántico” sinala Rafael Bañón, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e primeiro autor do estudo.
A contribución do CIM ao estudo estivo liderada polo investigador Alejandro de Carlos, quen leva anos colaborando con este investigador do IEO na identificación de peixes e outros organismos mariños mediante ferramentas de bioloxía molecular. “A miña participación centrouse na aplicación da técnica do chamado DNA barcoding, consistente en empregar unha pequena rexión do ADN mitocondrial como un "código de barras" para identificar especies de forma rápida e precisa. Grazas á súa elevada fiabilidade, o DNA barcoding consolidouse como un procedemento de referencia para a identificación de especies de peixes.
Xunto con Bañón e De Carlos, asinan o artigo Ángel Sebastián Comesaña, do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (CACTI) da Universidade de Vigo así como Alejandro Escánez Pérez, da Universidad de La Laguna, e Jesús M. Falcón, do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), Centro Oceanográfico de Canarias.
A secuenciación do ADN, clave para a súa identificación
O estudo realizouse a partir de tres exemplares localizados nas illas Canarias. Dous deles foron capturados durante a campaña oceanográfica Cetobaph, desenvolvida en 2012 a bordo do buque oceanográfico Cornide de Saavedra fronte á illa de El Hierro, mentres que o terceiro apareceu varado nunha praia do sur de Tenerife en 2024, constituíndo ademais o primeiro caso documentado de varamento desta especie.
Para confirmar a súa identificación, o equipo investigador levou a cabo unha análise detallada dos caracteres morfolóxicos e obtivo a secuencia de nucleótidos do xene COI, o marcador estándar utilizado nos sistemas internacionais de identificación molecular de especies, nun exemplo do que se coñece como taxonomía integradora, onde se combina a información procedente da aplicación de diversas técnicas de identificación. Estas análises, realizadas co apoio técnico do Servizo de Xenómica do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (CACTI) da Universidade de Vigo, permitiron asignar con certeza os exemplares ao grupo xenético asociado a Bregmaceros atlanticus e incorporar unha nova secuencia xenética ás bases de datos internacionais.
Os resultados combinan o estudo morfolóxico clásico con ferramentas de xenética molecular para verificar a identidade da especie. “Tradicionalmente a identificación de peces baseouse en caracteres morfolóxicos externos. Con todo, cada vez é máis frecuente empregar enfoques de taxonomía integradora, que combinan información morfolóxica e molecular para resolver cuestións taxonómicas complexas en grupos de peixes pouco coñecidos”, sinala Bañón.
Unha especie de complexa clasificación taxonómica
Bregmaceros atlanticus, coñecido comunmente como bacalete antena polo característico radio dorsal alongado que presenta sobre a cabeza, é unha especie peláxica de pequeno tamaño que habita en augas oceánicas e mesopeláxicas, xeralmente entre a superficie e varios centos de metros de profundidade. Debido ao seu tamaño, hábitos de vida e similitude con outras especies do mesmo xénero, a súa identificación foi historicamente complicada.
A análise das secuencias de nucleótidos dispoñibles en bases de datos internacionais revelou ademais a existencia de varios taxóns claramente diferenciados, que poderían corresponder a especies aínda pendentes de revisión taxonómica. Segundo o equipo investigador, estes resultados poñen de manifesto a necesidade de profundar no estudo do xénero Bregmaceros, caracterizado por unha elevada diversidade e unha complexa historia taxonómica.
“O achado volve poñer de relevo o valor das augas canarias como área estratéxica para o estudo da biodiversidade mariña profunda. O varamento do exemplar de Tenerife podería estar relacionado con procesos oceanográficos característicos do arquipélago, como a interacción entre remuíños oceánicos, afloramentos e correntes locais que ocasionalmente desprazan organismos mesopeláxicos cara a zonas costeiras”, sinala Bañón.