O cineclub Valle-Inclán acolle unha escolma de películas da Filmoteca galega

GaliciaXa
Lugo acolle ao longo de maio unha escolma de filmes incluídos na programación estendida da Filmoteca de Galicia.
cineclub lugo
15 Maio 2021

Lugo, xunto a outras cidades da comunidade, acolle ao longo de maio unha escolma de filmes incluídos na programación estendida da Filmoteca de Galicia, dos que se realizarán proxeccións no cineclub Valle-Inclán. A finalidade é unha maior descentralización así como unha maior difusión entre o público.

Así, nos vindeiros días, o cineclub Valle-Inclán, de Lugo, proxectará o mércores 19 Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, e o día 24, Mi noche con Maud, filme integrado no ciclo Esenciais: Éric Rohmer. O 26 de maio exhibirase Linda, de Dorothy Davenport, e o 31, Chungking Express, de Wong Kar-wai. 

Estes títulos súmanse aos xa exhibidos na primeira quincena do mes, como Pauline en la playa, Una niña, de Sébastien Lifshitz, La rodilla de Clara, de Eric Rohmer, e A media voz, de Patricia Pérez e Heidi Hassan, no cineclub Valle-Inclán.

A programación de películas en espazos alleos á Filmoteca de Galicia insírese na liña de apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ao labor de difusión cinematográfica de e creación de novos públicos que desenvolven diferentes entidades no ámbito local e autonómico. A iniciativa súmase, ademais, ao convenio xeral de colaboración asinado o pasado día 6 coa Federación Galega de Cineclubs, un acordo que garante a programación cinematográfica anual en 13 localidades.  

A información cos títulos e os horarios das exhibicións previstas nestes espazos durante este mes poden consultarse na web da Filmoteca de Galicia.

0.15103697776794