O cinema galego reforza a súa presenza no Reino Unido coa cuarta edición de ‘Letters from Galicia’

A sección do Galician Film Forum no London Spanish Film Festival ofrecerá a estrea británica de ‘As liñas descontinuas’, a proxección de ‘Rondallas’ e unha sesión con cinco curtametraxes recentes
as-linas-discontinuas
15 Sep 2026

O cinema galego volverá contar cunha presenza destacada no XXII London Spanish Film Festival (LSFF) coa cuarta edición de ‘Letters from Galicia’, a sección organizada polo Galician Film Forum (GFF) para achegar ao público británico unha selección da creación audiovisual galega máis recente. A programación desenvolverase entre o 18 e o 21 de setembro en diferentes espazos de Londres e incluirá a proxección da longametraxe ‘Rondallas’, unha sesión dedicada á curtametraxe galega contemporánea e a estrea no Reino Unido de ‘As liñas descontinuas’.

‘Letters from Galicia’ está organizada polo Galician Film Forum e conta co financiamento derivado da colaboración entre o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, no marco de Xacobeo 2027. A iniciativa conta tamén co apoio de Abanca.

A sección abrirase o venres 18 de setembro ás 20:30 horas (UK) en Riverside Studios coa proxección de ‘Rondallas’, película dirixida por Daniel Sánchez Arévalo e protagonizada, entre outros, por Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas. A historia sitúase nunha pequena vila mariñeira galega marcada polo naufraxio dun pesqueiro e segue o proceso polo que a comunidade recupera a súa rondalla como espazo de encontro, ilusión e esperanza. A longametraxe combina comedia e drama arredor da capacidade dunha comunidade para sobrepoñerse á perda.

A programación continuará o domingo 20 de setembro ás 15:50 horas no Ciné Lumière II coa sesión ‘Short Letters from Galicia’, dedicada á curtametraxe galega. A proposta reúne cinco obras recentes que ofrecen unha panorámica da diversidade temática, estética e autoral do audiovisual galego contemporáneo: ‘As maos da pulpeira’ (2025), de Silvia Cachafeiro; ‘Alboroque’ (2025), de Sabrina Fernández; ‘Escala un cincuenta mil’ (2026), de Ángel Suanzes; ‘O corpo de Cristo’ (2025), de Bea Lema; e ‘Cara de cona’ (2026), de Guillermo de Oliveira.

Esta selección dá continuidade ao labor de ‘Letters from Galicia’ como espazo de exhibición internacional para novas voces e para unha cinematografía galega que nos últimos anos está a ampliar a súa presenza en festivais e circuítos internacionais.

A programación galega no London Spanish Film Festival pecharase con ‘As liñas descontinuas’ (2025), de Anxos Fazáns, que terá a súa estrea no Reino Unido no Ciné Lumière I. A película, protagonizada por Mara Sánchez, Adam Prieto, Ana Fornéas e Mónica García Cadahía, poderá verse o 21 de setembro ás 18:15 horas e, ao remate, o público terá a oportunidade de participar nun coloquio con Mara Sánchez, actriz protagonista, moderado por Adriana Páramo, responsable do GFF.

Esta nova edición de ‘Letters from Galicia’ consolida a colaboración entre o Galician Film Forum e o London Spanish Film Festival e afianza un espazo estable para a difusión internacional do audiovisual galego, así como para o encontro entre profesionais, creadoras e creadores e público británico.

O Galician Film Forum naceu en 2015 da man dun colectivo de galegos residentes en Londres coa finalidade de promover e visibilizar o cinema galego na capital do Reino Unido. Desde entón, a súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega.

0.32144999504089