O cinema galego reivindícase en Cineuropa 39 con novas voces e obras premiadas

O Panorama Audiovisual Galego de Cineuropa 39 chega este ano cunha mostra especialmente vigorosa da creatividade, diversidade e profundidade do cinema feito en Galicia. Desde comezos de século, o festival compostelán foi unha plataforma decisiva para a xeración que redefiniu o cinema contemporáneo galego, con nomes xa imprescindibles como Oliver Laxe, Lois Patiño, Alberte Pagán, Alfonso Zarauza, Margarita Ledo ou Alberto Gracia, todas e todos eles recoñecidos co Premio Cineuropa.
Jaione Camborda, Premio Cineuropa 2025
Nesta edición, o festival distingue a cineasta donostiarra-compostelá Jaione Camborda, cuxa longametraxe O corno —gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián 2023 e primeira directora do Estado en obtelo— elevou o cinema galego ao panorama internacional. A gala de entrega terá lugar na Zona C, con convites dispoñibles na web de Compostela Cultura. O acto concluirá coa proxección de Arima, a súa ópera prima.
Clausura con Ángel Santos
A película encargada de pechar o festival será Así chegou a noite, o novo traballo de Ángel Santos, nome de referencia do cinema galego contemporáneo desde O cazador. Seleccionado na Sección Oficial do Festival de Xixón 2025, o filme mergúllase no illamento emocional dun escultor que, tras reencontrarse cun amor do pasado, afronta unha reflexión íntima sobre o desexo, a soidade e a deriva vital.
Estreas, premios e coproducións internacionais
Na sección Cineastas do presente destaca Anoche conquisté Tebas (2025), de Gabriel Azorín, coprodución galega de Rodrigo Areias, Roi Carballido, Beli Martínez e Carlos Pardo Ros. Filmada en galego, portugués e latín, explora a amizade, o desexo e a memoria a través dun xogo temporal entre mozos portugueses e soldados romanos. A película chega tras a súa estrea en Venecia, onde recibiu o Premio Anguía de Ouro a Mellor Guión e Fotografía.
O programa mantén o diálogo entre o Novo Cinema Galego e as novas xeracións. Entre as obras máis destacadas figura Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, premiada en Play-Doc Tui, Intersección e Documenta Madrid. Filmada na Raia, segue a madurez de Mariana, unha nena que medra entre lendas, silencios e memoria rural.
Desde unha perspectiva máis íntima, O silencio herdado, de Lucía Dapena, investiga o trauma interxeracional acompañando a súa avoa Edilia nun diálogo silencioso cheo de tenrura e revelación.
A memoria política reaparece en Crónicas dun non, de Fernando Rodríguez “Peñaño”, que recupera a loita pola insubmisión nos anos 90. E desde o persoal ao político, Grelei raíces no teu lar, de Adriana Páramo, ofrece un diario visual sobre o retorno, o dó e o desexo de maternidade.
Tamén destaca O meu nome é Camba, de Aser Álvarez, que reconstrúe a vida do xornalista Julio Camba nunha viaxe biográfica polas cidades que marcaron o seu destino.
En clave coral, 360 curvas, de Alejandro Gándara e Ariadna Silva, revive as mobilizacións da Fonsagrada en 1991 —As Movidas— a través das voces da veciñanza.
Completan o programa Lola, de Antonio Caeiro, sobre unha adolescente durante a Guerra Civil, e Te separas mucho, de Paula Veleiro, que articula un diálogo filmado entre pai e filla con trinta anos de distancia.
Curtametraxes galegas: memoria, identidade e emoción
O panorama complétase cunha selección de curtametraxes que investigan as raíces culturais e emocionais do país:
Ciudá de ladrillo, de Carlota Álvarez, sobre a memoria familiar dunha aldea interior.
Pura, de Carmen Méndez, un retrato íntimo sobre a relación coa nai e a avoa.
Algo novo que contar, de Paula Pereira, sobre o primeiro amor adolescente.
Danza propia, de Andrea Zapata-Girau, centrada nas experiencias táctiles e a corporalidade feminina como territorio vital e ancestral.
Sedes, entradas e organización
As proxeccións terán lugar no Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio de Galicia, NUMAX e Zona C. As entradas e bonos están á venda en compostelacultura.gal e na Zona C.
Cineuropa está organizado polo Concello de Santiago, co apoio do Consorcio de Santiago e da Deputación da Coruña, e coa colaboración do Instituto Camões, AGADIC, USC e múltiples entidades culturais.