O Circuíto Provincial de Piragüismo levará seis regatas pola provincia da Coruña

A quinta edición da competición disputarase este verán en Betanzos, A Coruña, Ames, As Pontes, Pontedeume e Boiro, con categorías base e paracanoa
DIPU CORU circuito piragüismo
27 Jun 2026

A Deputación da Coruña impulsa a quinta edición do Circuíto Provincial de Piragüismo en Augas Tranquilas, unha competición organizada en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo que se desenvolverá durante os meses de xuño, xullo e agosto.

O calendario está formado por seis regatas que percorrerán distintos puntos da provincia. A primeira proba celebrouse o 13 de xuño en Betanzos, mentres que as seguintes terán lugar o 4 de xullo nas Xubias, na Coruña; o 25 de xullo en Ames; o 8 de agosto nas Pontes; o 22 de agosto en Pontedeume; e o 29 de agosto en Boiro.

A competición está dirixida ás categorías base dos clubs da provincia, con participantes de entre 6 e 16 anos nas modalidades de caiac e canoa, tanto masculina como feminina. Tamén inclúe a categoría de paracanoa, reforzando o carácter inclusivo do circuíto.

Cada xornada terá unha duración aproximada de cinco horas e disputarase en embarcacións individuais K1 e C1. As distancias máximas serán de 1.500 metros para prebenxamín, benxamín e alevín, e de 3.000 metros para infantís e cadetes.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou o papel do piragüismo como escola de esforzo, disciplina e compañeirismo, e puxo en valor o traballo dos clubs que manteñen activa a canteira deportiva na provincia.

O circuíto contará con clasificacións individuais e por equipos en cada regata, ademais dunha clasificación final por clubs. A Deputación repartirá 21.800 euros en premios entre as entidades participantes que cumpran os requisitos establecidos nas bases.

0.3200249671936