O claustro do IES Pedra da Auga denuncia deficiencias de seguridade e filtracións nas obras da cuberta

O claustro do centro de Ponteareas asegura que os traballos acumulan atrasos e provocaron danos nas instalacións, polo que reclama medidas provisionais e unha intervención inmediata para impermeabilizar a cuberta
IES-Pedra-da-Auga-denuncia-falta-seguridade-obras-2026
14 Nov 2026

O claustro de profesorado do IES Plurilingüe Pedra da Auga, en Ponteareas, trasladou a súa preocupación polo desenvolvemento das obras de reparación da cuberta do instituto e denunciou atrasos, problemas de seguridade e numerosas filtracións de auga nas instalacións. Nun escrito datado o 12 de novembro, o colectivo reclama á Consellería de Educación que adopte solucións urxentes para evitar que a situación siga afectando á actividade diaria do centro.

Segundo expón o profesorado, a reforma chega despois de máis dunha década de peticións para substituír unha cuberta moi deteriorada, formada por tellas que en ocasións se desprendían e materiais con amianto. Aínda que a Consellería adxudicou os traballos este ano, o claustro considera que a planificación e a execución non foron as axeitadas.

Un dos principais motivos de desconformidade é o calendario da intervención. As obras comezaron xa entrado agosto, polo que non puideron rematar antes do inicio do curso escolar. Ademais, permaneceron paralizadas durante máis dun mes desde principios de setembro. O profesorado entende que esa interrupción impediu aproveitar as condicións meteorolóxicas favorables do outono e denuncia que, a mediados de novembro, a cuberta do patio semicuberto se atopa nun estado peor que antes da reforma, ao carecer de chapa metálica e illamento.

O documento tamén recolle diversas incidencias relacionadas coa seguridade durante os traballos. O claustro asegura que se lanzaron entullos desde o tellado e a terraza cara aos colectores sen empregar tubos ou sistemas que impedisen a súa caída fóra da zona habilitada. Segundo indica, esta práctica provocou danos materiais e chegou a producirse durante os recreos, cando o patio estaba ocupado pola comunidade educativa. O equipo directivo tivo que reclamar en varias ocasións que se interrompesen esas tarefas nesas franxas horarias.

O profesorado sinala igualmente que se depositaron restos de formigón, chapa e auga acumulada sobre os talleres de electricidade. Tamén critica o uso de maquinaria pesada sobre a terraza durante o horario lectivo, sen unha planificación que reservase os traballos máis perigosos ou ruidosos para momentos sen actividade académica.

Outro dos aspectos cuestionados é o peche da zona de obras. Segundo o escrito, os colectores estiveron inicialmente sen valado e, posteriormente, colocáronse cintas e cerramentos baixos que non estaban fixados. O claustro advirte de que estes elementos poden ser desprazados polo alumnado nunha zona de paso necesaria para acceder aos diferentes edificios do instituto. Ademais, denuncia que o pararraios foi desconectado sen aviso e que a súa situación foi detectada nunha revisión externa contratada polo propio centro, que permitiu poñelo de novo en funcionamento.

As filtracións de auga constitúen outra das principais preocupacións. O atraso das obras e a chegada das chuvias deixaron varias zonas expostas, sen unha protección provisional que o profesorado considere suficiente. O documento describe pingueiras e humidades baixo a terraza, na cafetería, na denominada aula charca e tamén noutros edificios e espazos do instituto.

As incidencias afectan, segundo o claustro, a aulas de Polos Creativos, informática e B3, ademais da cafetería e a zona de despachos. O colectivo alerta do posible risco derivado dos desprendementos dos falsos teitos e da presenza de auga en zonas con instalacións eléctricas. Tamén advirte das condicións de insalubridade que, ao seu xuízo, poden sufrir as persoas con problemas respiratorios. As fotografías incorporadas como anexo ao escrito amosan exemplos das filtracións en distintos espazos, así como incidencias relacionadas coa seguridade das obras.

O profesorado asegura que as pingueiras de auga sucia tamén afectan ao patio, unha zona de paso que non pode evitarse, e están a provocar danos en roupa, complementos e documentación da comunidade educativa. Por este motivo, sinala que as persoas afectadas teñen intención de reclamar os prexuízos ocasionados.

Ante esta situación, o claustro solicita que se habiliten medidas provisionais máis eficaces mentres as condicións meteorolóxicas impidan completar a impermeabilización. Considera insuficientes as solucións aplicadas ata agora, que describe como a colocación de lonas que acumulan auga e a apertura dun burato no falso teito da cafetería para facilitar a súa saída.

Entre as súas peticións figura tamén que, en canto rematen as chuvias, se dea prioridade absoluta á impermeabilización da terraza e se adopten solucións integrais para eliminar as filtracións e reparar os problemas de humidade xa existentes. O colectivo reclama, ademais, un seguimento efectivo dos traballos por parte dos responsables da Consellería e a implantación das medidas de seguridade necesarias para protexer tanto o alumnado e o persoal do instituto como os propios operarios.

O escrito conclúe coa petición de que as obras se retomen e desenvolvan con todas as garantías e de que a experiencia sirva para mellorar a planificación de futuras intervencións, esixindo ás empresas o cumprimento dos prazos e das condicións de seguridade establecidas.

0.29081392288208