O cobre de Touro-O Pino, incluído entre os proxectos estratéxicos da Unión Europea

A Comisión Europea selecciona a iniciativa mineira entre 46 proxectos estratéxicos de materias primas críticas de toda a Unión Europea, un recoñecemento que se suma ao que xa tiña a nivel autonómico
OLEIROS cable de cobre
9 Oct 2026

O Proxecto Cobre San Rafael, promovido no concello coruñés de Touro e no veciño O Pino, foi incluído pola Comisión Europea no seu listado de Proxectos Estratéxicos dentro do Regulamento europeo de Materias Primas Críticas (CRMA). A convocatoria, que recibiu 102 solicitudes de distintos países da Unión, resolveu finalmente a selección de 46 iniciativas repartidas en 16 Estados membros, das que só dúas propostas son españolas nesta fase.

Este recoñecemento europeo súmase á declaración previa do proxecto como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) por parte da Xunta de Galicia, o que converte esta iniciativa na única de Galicia que reúne ao mesmo tempo ambas as dúas cualificacións.

A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), entidade que representa ao sector dos recursos minerais na comunidade, valorou positivamente esta decisión e lembrou que se trata do segundo proxecto galego que logra este estatus dentro do CRMA, despois de que a Comisión Europea recoñecese en marzo de 2025 a Mina Doade co mesmo estatus. Desde a organización insisten en que o cobre está clasificado pola Unión Europea como materia prima estratéxica e crítica, necesaria tanto para o desenvolvemento de tecnoloxías limpas como para sectores de especial relevancia industrial, entre eles a defensa e a industria aeroespacial. Segundo a Cámara, este tipo de recoñecementos contribúe a reforzar unha cadea de subministración máis segura dentro da Unión Europea e consolida a posición de Galicia dentro da transición enerxética e industrial do continente.

Pola súa banda, a Asociación de Mineiros Touro-O Pino amosou a súa satisfacción pola noticia, que interpreta como a confirmación dunha reivindicación que, segundo explican, levan anos defendendo: que o proxecto cuprífero constitúe unha oportunidade relevante para os concellos de Touro e O Pino e, en termos máis amplos, para toda Galicia. Desde o colectivo destacan que a iniciativa inclúe un plan social, unha das reclamacións que a propia asociación formulara, e que, segundo afirman, beneficiará de forma directa á comarca.

Ante este escenario, a asociación pediu ás administracións competentes que axilicen os trámites aínda pendentes para que o proxecto poida facerse realidade canto antes, nun contexto, sinalan, no que distintos países europeos están a acelerar a tramitación de proxectos mineiros considerados estratéxicos para garantir unha maior autonomía industrial do continente.

A Asociación de Mineiros Touro-O Pino subliñou ademais o respaldo social que, ao seu xuízo, recibe a iniciativa, mencionando a participación dun elevado número de persoas nunha xornada en defensa do que describen como unha minaría responsable, así como a recollida de sinaturas en apoio das alegacións presentadas polo colectivo. Fronte a estas mostras de apoio, a asociación sinala que as posturas contrarias ao proxecto proceden, segundo a súa valoración, de determinados grupos políticos e sociais, e defende que a maioría dos veciños e veciñas da comarca respalda a iniciativa por consideraren que pode traducirse en emprego e investimento para a zona.

Tanto a Asociación de Mineiros Touro-O Pino como a Cámara Oficial Mineira de Galicia coinciden en reclamar que as administracións públicas dean continuidade administrativa a este recoñecemento europeo, co obxectivo de que o proxecto poida contribuír ao desenvolvemento económico e á recuperación demográfica da comarca.

0.3612220287323