O colectivo de pensionistas da CIG mobilízase este mércores nas sete cidades galegas en defensa da sanidade pública

As concentracións celebraranse de maneira simultánea en diferentes hospitais das principais cidades galegas
Asociación-xubilados-e-pensionistas-Lugo
19 May 2026

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG desenvolverá este mércores, 20 de maio, mobilizacións en centros sanitarios das sete cidades galegas para reclamar unha sanidade pública “digna e de calidade” e denunciar o que consideran un proceso de desmantelamento e privatización do sistema sanitario galego.

As protestas forman parte da campaña que o colectivo leva impulsando nos últimos meses en defensa da atención sanitaria pública e dos servizos asistenciais, especialmente no relativo á situación da Atención Primaria, as listas de espera e a falta de persoal sanitario.

As concentracións celebraranse de maneira simultánea en diferentes hospitais das principais cidades galegas. Na Coruña terá lugar ás 11.00 horas no Hospital Abente y Lago; en Ferrol será ás 11.30 horas no Hospital Marcide; en Santiago de Compostela desenvolverase ás 12.00 horas diante do Hospital Clínico; mentres que en Lugo está convocada ás 11.30 horas na entrada principal do HULA.

Tamén haberá mobilizacións en Ourense, ás 11.30 horas no Hospital Santa María Nai; en Pontevedra, á mesma hora no Hospital Provincial; e en Vigo, ás 11.30 horas diante da entrada de Consultas Externas do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Desde o colectivo de pensionistas da CIG insisten na necesidade de reforzar o sistema sanitario público e garantir unha atención sanitaria accesible e de calidade para toda a cidadanía, especialmente para as persoas maiores.

0.28892493247986