O Colexio Médico supera os 8.000 profesionais na provincia da Coruña

O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña acadou os 8.010 colexiados, unha cifra histórica que reforza a súa posición dentro da Organización Médica Colexial e o sitúa entre as dez corporacións médicas con maior peso de España.
Este crecemento terá tamén consecuencias directas na representación da entidade no Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de España. Ao superar a barreira dos 8.000 membros, o Colexio coruñés pasará de tres a catro votos ponderados, o que incrementará a súa capacidade de influencia na toma de decisións e na defensa dos intereses dos facultativos da provincia no ámbito estatal.
O aumento da colexiación reflicte tamén a transformación demográfica da profesión médica. As mulleres representan xa o 55% do total, con 4.406 colexiadas fronte a 3.604 colexiados. A presenza feminina é especialmente maioritaria entre os profesionais máis novos e entre o persoal residente.
Nos menores de 35 anos hai 1.113 mulleres fronte a 608 homes, mentres que na franxa de 35 a 44 anos as médicas supoñen arredor do 70%, con 1.006 colexiadas e 415 colexiados. A tendencia mantense tamén entre os 45 e os 54 anos, con 712 mulleres e 374 homes, e entre os 55 e os 64, con 716 mulleres fronte a 602 homes. Só a partir dos 65 anos o número de médicos supera ao de médicas.
Por áreas territoriais, a zona da Coruña concentra máis da metade da colexiación provincial, cun 55% do total. Santiago de Compostela e a súa área de influencia reúnen o 35% dos profesionais, mentres que Ferrolterra supera lixeiramente o 10%.
A provincia conta, ademais, con 804 médicos internos residentes, dos que 525 son mulleres e 279 homes. Por áreas, 370 exercen na zona coruñesa, 339 na de Santiago e 95 na de Ferrol.
O presidente do Colexio, Luciano Vidán, cualificou este fito como 'un motivo de orgullo para toda a profesión médica da provincia'. Vidán subliñou que superar os 8.000 colexiados demostra que a entidade 'é unha institución viva, que medra e que segue sendo un referente para os médicos coruñeses'. Tamén destacou que o aumento do voto ponderado permitirá reforzar a defensa dos facultativos da provincia no ámbito nacional.