O Comité Federal avala a elección dos candidatos socialistas galegos ao Congreso e o Senado

Besteiro lembra que "frear a ultradereita e a dereita máis ultra é unha cuestión de democracia e de defensa dos dereitos, e iso está por riba de calquera sigla"
membros-psoe-comite-federal-madrid
17 Oct 2026

O PSOE e Frente Amplio concorrerán xuntos ao Senado o 29 de novembro, cunha única papeleta baixo o nome Senado de Progreso, nun acordo histórico que se estende a 47 circunscricións e que inclúe as catro provincias galegas. Os partidos que o asinan presentárono como un paso á altura do momento político que vive o país, fronte aos recortes que PP e Vox propoñen en pensións, vivenda e dereitos sociais, e co obxectivo de arrebatarlle ao Partido Popular a maioría absoluta coa que controlou a Cámara Alta durante toda a lexislatura.

En Galicia, -que presenta unhas listas aprobadas en Madrid por aclamación e en Galicia por aclamación no caso de Coruña, Lugo e Pontevedra e en Ourense por maioria absoluta-, os socialistas compartirán candidatura ao Senado con Fronte Ampla, que reúne a Movemento Sumar Galicia, Esquerda Unida, Recortes Cero, o Partido Verde e varias agrupacións municipalistas.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, explicou o pacto como a resposta que esixía a situación política, nunha xornada na que o Comité Federal do PSOE deu en Fuenlabrada o visto bo definitivo ás listas. "O 29 de novembro xogámonos os dereitos polos que loitamos durante anos, e non podemos permitirnos nin un só retroceso. Estamos nun momento histórico que requiría unha medida histórica", afirmou.

Besteiro lembrou que "frear a ultradereita e a dereita máis ultra é unha cuestión de democracia e de defensa dos dereitos de e iso está por riba de calquera sigla".

No Congreso, Obdulia Taboadela abrirá a lista pola Coruña, Patricia Otero a de Lugo, Carmen Rodríguez Dacosta a de Ourense e Abel Losada a de Pontevedra.

Con elas, cinco das oito candidaturas que o PSdeG presenta ás Cortes Xerais terán unha muller á cabeza, tres ao Congreso e dúas ao Senado, o que supón un 62,5%.

O dato galego vai por diante do conxunto do partido. Segundo informou o PSOE tras o Comité Federal, por primeira vez na historia haberá máis mulleres ca homes encabezando as listas socialistas ao Congreso, un 52% en toda España. En Galicia esa proporción chega ao 75%, con tres das catro listas, máis de vinte puntos por riba da media estatal. No Senado, a proporción de mulleres que ocupan o primeiro posto das candidaturas medra dez puntos respecto ás xerais de 2023, e as cabeceiras galegas quedan repartidas a partes iguais entre dúas mulleres e dous homes.

As candidaturas ao Senado manteñen os cabezas de lista que aprobaron esta semana os comités provinciais. Gumersindo Guinarte encabezará a da Coruña, César Mogo a de Lugo, a concelleira ourensá María Fernández Ojea a de Ourense e Carmela Silva a de Pontevedra. O segundo posto de cada unha delas será para unha persoa de Fronte Ampla, de maneira que o voto progresista se concentre nunha única opción nunha cámara na que o sistema electoral favorece á candidatura máis votada en cada provincia.

As listas galegas combinan a traxectoria de quen leva anos nas institucións coa xeración que chega agora á primeira liña. Taboadela, actual subdelegada do Goberno na Coruña, xa foi deputada no Congreso, e Otero ocupou o escano de Lugo na última lexislatura. Losada chega desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra e Rodríguez Dacosta dá o salto desde o Parlamento de Galicia. Á beira deles van nomes da mocidade socialista con postos de saída ou moi próximos a eles, como a secretaria xeral das Xuventudes Socialistas, Ana Alvite, número tres pola Coruña, ou a secretaria xeral das Xuventudes na provincia de Lugo, Eva Blanco, que ocupa o mesmo posto na candidatura lucense.

Para Besteiro, esa mestura é a mellor carta de presentación do PSdeG nesta campaña. "Levamos a Madrid xente que sabe o que custa defender Galicia nas institucións e xente nova que ten moito que dicir sobre o país no que vai vivir. Esa é a proposta que lle facemos a Galicia o 29 de novembro", sinalou o secretario xeral, que chamou a mobilizar o voto progresista desde o primeiro día dunha campaña que arrincará o 13 de novembro.

0.28741908073425