O Concello de Carballo pide frear a planta de biogás da Laracha por riscos para a saúde e o río Anllóns

O informe elaborado polos servizos técnicos municipais alerta especialmente da posible afectación ao sistema de abastecemento de auga potable
biogas-na-laracha-non-concello-carballo
22 May 2026

O Concello de Carballo presentou formalmente alegacións contra o proxecto da planta de biogás prevista na Laracha e promovida pola empresa Bioenergía A Coruña SLU, solicitando a denegación da autorización ambiental integrada e unha declaración de impacto ambiental desfavorable ao considerar que a instalación supón riscos “non asumibles” para a saúde pública e o medio ambiente.

O informe elaborado polos servizos técnicos municipais alerta especialmente da posible afectación ao sistema de abastecemento de auga potable de Carballo, xa que o proxecto contempla o vertido anual de máis de 58.000 metros cúbicos de efluentes industriais ao río Anllóns, nas inmediacións do seu nacemento e augas arriba da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) do municipio.

Segundo o Concello, un eventual accidente ou alteración química nun tramo de cabeceira do río, caracterizado polo escaso caudal durante o verán, podería comprometer a potabilidade da auga e obrigar incluso á interrupción do subministro municipal. O informe subliña ademais que a planta estaría situada a apenas cen metros do río e que prevé almacenar substancias perigosas como ácido sulfúrico e clorhídrico.

Os técnicos municipais tamén cuestionan o estudo ambiental presentado pola empresa promotora, ao considerar que omite a protección do río Anllóns como espazo integrado na Rede Natura 2000 baixo a figura de Zona Especial de Conservación (ZEC). O Concello denuncia que o proxecto non recolle adecuadamente a presenza de especies protexidas vinculadas ao ecosistema fluvial, como a anguía, a londra ou a salamántiga rabilonga.

Outro dos aspectos criticados é a falta de análise dos efectos acumulativos e sinérxicos da planta, tendo en conta a existencia doutra vertedura industrial autorizada a escasos 40 metros da zona prevista para o novo proxecto.

O informe municipal tamén advirte de posibles problemas de seguridade e viabilidade técnica da instalación. Entre eles, sinala a ausencia de estudos xeotécnicos nun terreo afectado anteriormente por actividade extractiva, o risco de fallos no sistema de depuración de augas residuais e a xestión dos residuos SANDACH procedentes de zurros, que segundo o Concello non estarían correctamente clasificados nin tratados.

Ademais, o goberno local cuestiona o impacto ambiental derivado do tráfico pesado asociado á planta, que prevé o movemento diario de entre 17 e 20 camións de gran tonelaxe. O Concello considera que o proxecto provocaría un incremento da contaminación, do consumo de combustibles e da presión sobre as vías municipais e os núcleos rurais da contorna.

Por todo isto, o Concello de Carballo reclama a paralización ou rexeitamento da planta de biogás para preservar a integridade ecolóxica do río Anllóns e garantir a seguridade e a saúde da veciñanza.

0.33207106590271