O Concello de Santiago aproba as bases dos XVII Premios Educacompostela, que incrementan a súa dotación

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria este luns, deulles o visto e prace ás bases para a XVII edición dos Premios Educacompostela. Por primeira vez na historia destes recoñecementos, increméntase a súa dotación económica. En concreto, o premios suben 300 euros en cada categoría, de xeito que se establece una recompensa de 1.500 para o primeiro premio, 1.200 para o segundo e 900 € para o terceiro.
Estes premios, que organiza o Departamento de Educación co asesoramento pedagóxico de Nova Escola Galega, naceron co fin de recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais didácticos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.
Os materiais didácticos que se presenten poderán estar dirixidos aos diferentes niveis do ensino non universitario (educación infantil, primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional) ou aos diferentes contextos de acción socioeducativa.
Son requisitos que estean integramente redactados en galego, que correspondan aos últimos cinco anos, que sexan orixinais e non premiados con anterioridade e que fosen aplicados, tamén na nosa lingua.
O prazo para presentar traballos comezará coa publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e rematará o 18 de setembro de 2026 e terán que entregarse ou dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago.
Glorieta nas Fontiñas
Aprobouse na mesma sesión o proxecto para crear unha glorieta na intersección das rúas de Londres, Lisboa e Dublín, nas Fontiñas, coa finalidade de mellorar a funcionalidade da intersección, resolver os problemas no fluxo de tránsito rodado e peonil e incorporar melloras na accesibilidade e na drenaxe superficial.
A superficie de intervención abrangue a zona de calzada, as beirarrúas, as medianeiras e o trazado do carril bici, afectando á configuración completa do espazo público neste punto, que se transforma da actual intersección regulada cun sinal de stop nunha glorieta de pequeno radio.
O proxecto incorpora os criterios de deseño universal na configuración dos espazos públicos urbanizados, en particular os parámetros relativos a itinerarios peonís accesibles, execución de pasaxes, pavimentos podotáctiles, continuidade dos percorridos e eliminación de barreiras arquitectónicas.
Para garantir e mellorar a iluminación, instalarase unha nova columna no interior da glorieta.
O orzamento base de licitación sitúase en 140.000 € (IVE incluído) e o prazo de execución en 3 meses.
Outros asuntos
O goberno local aprobou tamén o importe do prezo público de asistencia á Festa dos Maiores, que será o 16 de maio no recinto de Amio. As entradas poderán adquirise a partir do 5 de maio, en horario de 10.00h a 13.00h, na billeteira do Teatro Principal e o prezo quedou fixado en 10 € (que representa aproximadamente o 26,31 % do custo do servizo).
Acordouse noutro punto a cesión do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro e do campo de adestramento San Lázaro II a favor da Escola de tiempo libre Don Bosco o día 9 de maio de 2026 para a organización do III torneo Tuxeleires de rugby inclusivo orientado a homes e mulleres con e sen discapacidade.
Por outra banda, a Xunta de Goberno, tomou conta da sinatura do protocolo de colaboración entre o Concello de Santiago e o Eixo Atlántico para a organización dos XVI Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán do 5 ao 10 de xullo. O protocolo recolle a colaboración da entidade, cifrada en 25.000 euros para sufragar parte dos custos deste evento deportivo.