O Concello de Santiago convoca a quinta edición do Premio Exeria a proxectos de creación literaria

Do 2 ao 16 de xullo está aberto o prazo para que as escritoras e os escritores empadroados en Compostela presenten as súas propostas para o Premio Exeria a proxectos de creación literaria, un certame que ten por obxecto incentivar a creatividade e a produción literaria en lingua galega. O premio está dotado con 3.000 euros e unha reserva na residencia La Baldi, en Italia.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica este mércores a convocatoria e as bases do Premio Exeria a proxectos de creación literaria do Concello de Santiago, que este 2026 chega á súa quinta edición.
O certame, impulsado pola Concellería de Capital Cultural, que dirixe Míriam Louzao, ten por obxecto incentivar a creatividade e a creación literaria escritas en lingua galega. Con este premio, o Concello pretende fornecer os escritores e escritoras de Galicia un espazo, un tempo e un contexto no que desenvolver en condicións óptimas o proxecto literario premiado cunha dedicación exclusiva dentro dun ámbito internacional. Para iso, a convocatoria conta coa colaboración da “Residencia Literaria 1863”, dirixida por Yolanda Castaño.
O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados a partir do día seguinte da publicación das bases no BOP, polo que estará aberto do 2 ao 16 de xullo.
Poden concorrer autoras e autores que se dediquen á escrita creativa, residentes en Santiago de Compostela, con independencia do xénero literario. A solicitude debe incluír unha memoria con descrición do proxecto literario e un cartafol literario con pezas ou fragmentos anteriores.
Os proxectos presentados deben ser inéditos e serán avaliados por unha comisión composta por tres profesionais do ámbito literario galego, que valorarán aspectos como a viabilidade do proxecto literario, a traxectoria da persoa solicitante e a eventual vinculación do proxecto coa cidade.
A persoa premiada recibirá 3.000 euros e a reserva, durante todo o mes de agosto de 2026, da Residencia La Baldi sita na vila de Montegiovi (Italia). A contribución deste premio e a residencia encamíñanse ao desenvolvemento creativo da persoa solicitante, constituíndo unha oportunidade valiosa da que extraia a máxima produtividade, estímulo e inspiración.