O Concello de Santiago facilitará a construción da nova sede da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns un protocolo de colaboración coa Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica co obxectivo de favorecer a implantación da súa nova sede na cidade.
A portavoz do Goberno municipal, Míriam Louzao, explicou que o acordo permitirá avanzar na construción das novas instalacións da Fundación. Para iso, o Concello impulsará a tramitación necesaria para a cesión dunha parcela actualmente baleira situada xunto ao aparcadoiro en superficie de Santa Marta, na rúa das Trece Rosas.
Na actualidade, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica ten a súa sede no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), aínda que as instalacións actuais non dispoñen do espazo suficiente para desenvolver en condicións adecuadas a actividade investigadora e científico-sanitaria da entidade. Esta situación tamén limita a posta en marcha e o desenvolvemento de proxectos de investigación de maior alcance.
A Fundación presta servizos ao sistema galego de saúde relacionados principalmente co asesoramento xenético para o diagnóstico de enfermidades de orixe xenética, a xenética oncohematolóxica para o diagnóstico e tratamento de pacientes, as probas farmacoxenéticas e as análises xenéticas destinadas a detectar alteracións no xenoma que poidan provocar enfermidades.
No ámbito investigador, a entidade conta cunha actividade que lle permitiu obter recoñecemento tanto a nivel nacional como internacional. Entre outras iniciativas e organizacións, participa no Grupo de Medicina Xenómica da USC, no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e en proxectos e consorcios nacionais e internacionais como HELIX Cohor ou PanCanRisk.
“A construción desta sede e instalacións supón o establecemento na cidade dunha entidade sanitaria e investigadora punteira, de prestixio e relevancia internacionais, que beneficiará á cidade, consolidando a súa relevancia no campo científico-sanitario”, valorou Míriam Louzao.
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno adxudicou á empresa Obras y Viales de Galicia SL o contrato para executar a ampliación da rede de saneamento no sector leste do lugar de Formarís, na parroquia de Enfesta. A empresa presentou unha oferta de 251.420 euros, IVE incluído, e o prazo previsto para realizar os traballos é de catro meses.
O proxecto está incluído no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2025.
As actuacións permitirán ampliar a rede municipal de saneamento de augas residuais e levar este servizo aos lugares da Sionlla de Abaixo e Formarís. As obras contemplan tamén a conexión coa rede municipal xa existente no núcleo da Sionlla de Arriba.
En total, 23 vivendas poderán acceder á rede municipal de saneamento unha vez rematados os traballos. Míriam Louzao destacou que a adxudicación permite continuar coa ampliación da rede de saneamento na zona rural de Santiago, dentro do traballo desenvolvido polo Concello nos últimos anos.
No apartado de licenzas de obra maior, a Xunta de Goberno autorizou a demolición dunha vivenda unifamiliar situada no número 26 da rúa do Carme de Abaixo, así como a construción dun muro de contención nas parcelas correspondentes aos números 11 e 12 da rúa da Virxe da Cerca.
Por outra banda, o Goberno Local aprobou, en relación coa factura de xaneiro do contrato de xestión dos centros socioculturais, reter as cantidades debidas á empresa SERVIPLUSTOTAL SL como garantía para o pagamento dos salarios do persoal.
A decisión adopta-se ante a existencia de débedas salariais acreditadas e pendentes de pagamento dos traballadores adscritos aos contratos de servizos para a xestión da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago, correspondentes aos lotes I e IV.
A Xunta de Goberno aprobou igualmente as bases reguladoras da convocatoria de cesión de usos das piscinas municipais, a convocatoria de axudas para a realización de actividades de dinamización e promoción do pequeno comercio e outros convenios de colaboración.