O Concello de Santiago volve reclamar á Xunta e ao Estado atención ás necesidades do sistema aeroportuario galego

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, e a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, participaron na xuntanza do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia que se desenvolveu esta mañá nas instalacións do aeroporto de Peinador, en Vigo. No transcurso desta reunión, foron informadas da previsión preliminar de investimentos en infraestruturas do sistema aeroportuario para o quinquenio 2027-2031.
A rexedora e a edil de Turismo aproveitaron o encontro para volver chamar a atención das distintas administracións sobre a necesidade de coordinar esforzos e estratexias para optimizar as capacidades do sistema aeroportuario galego.
Neste sentido, Sanmartín Rei reclamou á Xunta de Galicia que asuma “unha posición de país para a coordinación do conxunto dos aeroportos galegos” e poña en marcha unha política estratéxica “para mellorar a situación da conectividade xeral en Galicia”. A alcaldesa valorou a mudanza de postura do Goberno galego nos últimos tempos a respecto das axudas para a promoción turística, pero considera que tanto a iniciativa como as cantidades anunciadas son insuficientes. Así, a alcaldesa compostelá convidou a Xunta a “dar un paso para liderar as necesidades e intereses do país no ámbito da mobilidade e a conectividade aérea”.
Do mesmo modo, Goretti Sanmartín e Míriam Louzao utilizaron esta reunión do Comité para lle reclamar ao Estado melloras na conectividade entre os tres aeroportos de Galicia, co obxectivo, alén de incrementar o tráfico de pasaxeiros, de potenciar o de mercadorías. En relación con este ámbito, a rexedora recordou que “levamos tempo demandando que a estación de mercadorías da Sionlla poida ser unha realidade, así como a ligazón ferroviaria entre o aeroporto Rosalía de Castro e o centro da cidade de Santiago”.
Pola súa banda, a edil de Turismo, Míriam Louzao, sinalou que a reunión permitiu ao Concello de Santiago expor “cuestións que se poden mellorar na situación do noso aeroporto e do conxunto do sistema aeroportuario de Galicia”. A edil lembrou que o Concello traballa “desde hai moito tempo e en solitario” para captar rutas e ampliar as conexións do aeroporto Rosalía de Castro, que representa en definitiva “un incremento da conectividade aérea xeral para toda Galicia”.