O Concello laurentino organiza unhas xornadas para lembrar a Festa da Faba
O Concello laurentino organiza do 1 ao 3 de outubro unhas xornadas para lembrar a Festa da Faba de Lourenzá que se celebraba antes da pandemia.
A rexedora municipal Rocío López explica que este evento “non ten nada que ver co formato habitual que víñamos facendo da Festa da Faba en anos pasados. Non se celebra a tradicional degustación que se facía anteriormente nin tampouco haberá as casetas dos fabeiros na Praza do Concello nin os postos que se colocaban nas rúas. Pero si estamos organizando unhas xornadas para esa fin de semana, na cal a faba vai estar presente e imos recordar o noso produto estrela”.
López anuncia que para a fin de semana do 1 ao 3 de outubro “o Concello organiza unha serie de actuacións musicais e culturais, que terán lugar ao longo do venres, do sábado e do domingo. Tamén é importante destacar que se vai celebrar a tradicional carreira popular Val das Fabas o domingo, con dúas probas, unha ás 11 e outra ás 12. O sábado estarán presentes os vehículos clásicos, na rúa Paseo de Oya, e haberá un showcooking na Praza do Conde Santo, a cargo da Asociación de Cociñeiros de Lugo, no que a xente vai poder degustar fabas cociñadas de diversas maneiras”.
A alcaldesa engade que no apartado musical “haberá distintas actuacións: unha delas terá lugar xa o venres ás 20:00 horas no salón de actos, onde actuará o dúo Falúa; o sábado pola mañá polas rúas da vila estará a charanga Louband e pola tarde no claustro do mosteiro terán lugar dous concertos de Xabier Díaz, un ás 17:30 e outro ás 20:30 horas. E xa o domingo pola mañá actuará polas rúas da vila outra charanga, Fanfarria Taquikardia, e pola tarde, ás 18:00 horas na Praza do Conde Santo o grupo Airiños da Freba será o encargado de poñer o toque musical que pechará estas xornadas dedicadas á faba de Lourenzá. Tamén é importante destacar que os bares da vila nas súas cartas, menús e tapas van incluír a faba de Lourenzá, que estará presente cociñada de diversas maneiras”.
A rexedora remata invitando á xente a “que veña a Lourenzá esta fin de semana para desfrutar desta programación distinta e atípica, pero coa esencia da faba”. E destaca que “en todas as actividades programadas cumpriranse os protocolos Covid, co cal a xente poderá estar con plena seguridade e tranquilidade, pero evidentemente pedímoslles que actúen con responsabilidade”.