O concurso Semente Ribeira Sacra celebra en Monforte de Lemos a final da súa duodécima edición con dez proxectos finalistas

O Parador de Turismo de Monforte de Lemos acollerá o vindeiro sábado, 7 de novembro, a xornada final do Concurso de Proxectos Empresariais ‘Semente Ribeira Sacra’, unha iniciativa que chega á súa duodécima edición apoiando o emprendemento no medio rural. O certame, aínda que está aberto a candidaturas de calquera procedencia, dá preferencia aos proxectos relacionados co territorio da Ribeira Sacra e co aproveitamento dos seus recursos.
A xornada comezará ás 10.00 horas coa defensa dos proxectos ante o xurado no Pazo Condal do Parador. Dez iniciativas conseguiron chegar a esta fase final, con propostas que van desde a transformación agroalimentaria ata a tecnoloxía aplicada ao medio rural.
Entre os finalistas figura ‘Azka Sakra’, dedicado á deshidratación artesanal de froita e verdura de colleita propia e de produtores locais, e ‘Alambiqueiros da Sacra Terra’, unha destilería que busca transformar o bagazo das adegas da comarca en augardente artesanal certificada. Tamén compite ‘Reforestatron’, un robot terrestre autónomo pensado para recuperar solos queimados tras os incendios sufridos na zona en 2025.
A valorización de subprodutos agrarios ten un peso importante entre as propostas: ‘Uva Enteira’ propón converter o bagazo de uva en produtos de alto valor engadido, mentres que ‘Marcal Galicia’ plantexa transformar a cuncha do mexillón en carbonato cálcico bioxénico para usos agrarios, gandeiros, construtivos ou industriais. Nunha liña semellante, ‘Biocaba’ traballa nun recubrimento natural antifúnxico para froita fresca a partir da pel da cabaza, capaz de retrasar a aparición de fungos.
O ámbito tecnolóxico tamén está representado por ‘RuralTech Lab 360+’, que propón un centro de dixitalización para resolver necesidades de viñedo, adega e control de auga, e por ‘CNTEK’, que desenvolveu un sistema de detección de micro e nanoplásticos na auga mediante sensores económicos baseados en nanotubos de carbono. A eles súmanse ‘AdegaConnect’, unha plataforma na nube para que as pequenas adegas dixitalicen a trazabilidade de todo o seu proceso, e ‘Crú’, un proxecto que busca pechar o ciclo produtivo transformando leite propio en queixos, iogur colado e manteiga artesanais baixo marca propia.
A partir das 21.00 horas terá lugar a cea e a gala de entrega de premios, na que se prevé a asistencia de representantes institucionais, universitarios, municipais e empresariais vinculados ao certame. O fallo do xurado coñecerase arredor da medianoite.
En canto á dotación económica, o primeiro premio está fixado en 10.000 euros, o segundo en 6.000 euros e o terceiro en 4.000 euros. A estes galardóns súmase un compoñente formativo que gaña peso edición tras edición: os finalistas interesados poderán participar, por segundo ano consecutivo, nun programa de asesoramento estratéxico que se desenvolverá durante o primeiro semestre de 2026. Ademais, a persoa que inscribise o proxecto gañador terá acceso a un Executive MBA da Ef Business School da Coruña; en caso de renuncia, esta oportunidade pasaría á seguinte persoa clasificada e así sucesivamente entre os dez finalistas.
O concurso conta co patrocinio de distintas administracións e entidades, entre elas varios concellos da comarca e a Deputación de Lugo, así como co respaldo de empresas privadas e a colaboración de universidades galegas e da Fundación Venancio Salcines.