O conflito dos médicos escala co anuncio da convocatoria dunha folga indefinida tras o verán

Lamentan os problemas que os paros poidan ocasionar nos pacientes, lembrando que o fin último do conflito é mellorar as condicións nas que exercen os profesionais
medicos-folga-indefinida
15 Jun 2026

O Comité de Folga formado pola Confederación Española de Sindicatos Médicos (CESM), xunto ao Sindicato Médico Andaluz (SMA), Metges de Catalunya (MC), a Asociación de Médicos e Titulados Superiores de Madrid (AMYTS), o Sindicato Médico de Euskadi (SME) e o Sindicato de Facultativos de Galicia Independentes (O’MEGA), iniciou este luns a súa quinta semana de folga nacional de 2026 convocada para mostrar o rexeitamento á modificación do Estatuto Marco do Ministerio de Sanidade, cunha gran concentración en Madrid á que acudiron profesionais de todo o territorio nacional.

“Ante a ausencia total de propostas dos responsables ministeriais, o nulo avance no conflito mantido ata agora e o empeño do Ministerio de Sanidade en seguir adiante coa tramitación do texto, as organizacións sindicais decidiron escalar nas mobilizacións e convocarán unha folga indefinida tras os meses de verán, un período no que a situación para os profesionais se complica aínda máis polo exiguo dos cadros médicos e facultativos, sen apenas substitucións, coa conseguinte sobrecarga para poder ter o descanso vacacional preceptivo e necesario”, din.

O Comité de Folga asegura que, se non se produce ningún cambio durante estas cinco xornadas de paro que comezan hoxe e nos meses de xullo e agosto, en setembro anunciará o formato da folga indefinida e o resto de medidas adoptadas para manter as reivindicacións do colectivo, que xiran arredor da creación dun Estatuto propio do médico e do facultativo, acorde á súa formación e responsabilidade; un ámbito de negociación específico, con garantías xurídicas reais e sen dependencia doutras mesas; a implantación dunha xornada laboral de 35 horas, co exceso de xornada recoñecido, retribuído e computable para os efectos da xubilación; unha clasificación profesional xusta, acorde ao nivel formativo e á responsabilidade clínica; e un modelo de xubilación flexible e sen penalizacións, que recoñeza a penosidade do exercicio médico.

“Durante estes meses o Comité de Folga mantivo a súa man tendida ao diálogo co ministerio e solicitou reunións tanto cos grupos políticos con representación parlamentaria como cos responsables do resto de carteiras afectadas pola norma que se está a modificar (Facenda, Traballo e Función Pública), sen que ningunha das reivindicacións fose atendida. Por este motivo, os representantes dos profesionais aseguran que non van desmobilizarse mentres non se atendan as súas demandas e emprazan á convocatoria de folga indefinida tras o verán”, engaden.

Por último, as organizacións sindicais queren mostrar o seu total apoio ao crecente número de profesionais que está decidindo deixar de realizar toda actividade extraordinaria voluntaria, ao tempo que lamentan os problemas que os paros poidan ocasionar aos pacientes, lembrando que o fin último do conflito é mellorar as condicións nas que exercen os profesionais para garantir a maior calidade asistencial e a máxima seguridade clínica no Sistema Nacional de Saúde.

0.32717800140381