O Congreso aproba unha iniciativa do PSdeG para reforzar o apoio aos pequenos concellos

A Comisión de Política Territorial do Congreso dos Deputados aprobou unha proposición non de lei impulsada polo Grupo Parlamentario Socialista para reforzar o apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes.
A iniciativa, defendida polo deputado do PSdeG Luis Piña, propón revisar a normativa que afecta a estes municipios co obxectivo de mellorar a prestación de servizos básicos e garantir unha maior cooperación entre administracións.
Segundo explicou Piña, a proposta estrutúrase arredor de tres eixos principais: intensificar a colaboración institucional mediante programas que melloren a eficiencia, garantir o apoio das deputacións ou entidades equivalentes sen restar autonomía aos concellos, e impulsar ferramentas de planificación e coordinación que permitan replicar boas prácticas entre territorios.
O deputado destacou as dificultades ás que se enfrontan os pequenos municipios para garantir servizos básicos como o abastecemento de auga, a limpeza ou o mantemento de rúas con recursos limitados. “Teñen que facer verdadeiros encaixes para ofrecer servizos dignos á veciñanza”, sinalou.
Neste sentido, defendeu a necesidade de fomentar a xestión colaborativa dentro do marco normativo actual, asegurando ao mesmo tempo o respecto á autonomía municipal. “Cooperar non é tutelar. Axudar non é intervir”, afirmou.
Piña subliñou que o reforzo das administracións locais máis pequenas é clave para a cohesión territorial e para garantir que vivir no rural sexa unha opción con plenos dereitos. “Debemos pasar dos discursos sobre o reto demográfico aos feitos na xestión diaria”, concluíu.