O Congreso Internacional de Pesca & Turismo pecha en Sanxenxo con propostas para o futuro do sector

A adaptación da normativa, a promoción das experiencias e a súa comercialización son algúns dos retos que o pescaturismo ten por diante para seguir medrando. Así se puxo de manifesto durante o Congreso Internacional de Pesca & Turismo, que rematou hoxe en Sanxenxo tras dúas xornadas de intercambio entre profesionais e entidades de dez países.
Na sesión celebrada o xoves pola tarde, o debate centrouse no papel dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) no impulso do pescaturismo. Entre as súas principais achegas destacáronse a formación dos profesionais, a titorización dos proxectos e o apoio ao seu financiamento. Porén, tamén se identificaron ámbitos nos que é necesaria a colaboración doutras administracións, especialmente para adaptar a normativa ás necesidades do sector e mellorar a promoción e comercialización destas experiencias.
A cooperación entre GALP perfílase como unha posible vía para avanzar nestas cuestións mediante futuros proxectos conxuntos, sempre en colaboración co sector pesqueiro e atendendo ás súas demandas.
A xornada de onte centrouse na presentación de experiencias de pescaturismo e turismo mariñeiro, tanto das xurdidas ao abeiro de Mar e Rías: Pesca & Turismo como doutras iniciativas que xa están en funcionamento en distintos puntos de España e doutros países. Tras coñecer as propostas, os participantes votaron para elixir as iniciativas recoñecidas nas tres categorías do congreso.
Na categoría de gobernanza, o proxecto gañador foi WEVA, presentado por Walter Foley, de Irlanda. No ámbito do pescaturismo, o recoñecemento recaeu en Pescaturismo Campelo Combarro, promovido por Yago Tomé, no territorio do GALP Ría de Pontevedra, mentres que na categoría de turismo mariñeiro foi distinguido Sente o Mar, presentado por Silvia Cobas, de Mugardos, no territorio do GALP Golfo Ártabro Norte.
O encontro reuniu participantes de España, Hungría, Portugal, Croacia, Grecia, Finlandia, Irlanda, Polonia, Estonia e Chipre. Ao longo do programa abordáronse tamén a regulación destas actividades, as experiencias europeas, o papel das confrarías e das organizacións profesionais e a cooperación entre territorios.
Como peche do congreso, os participantes desprazáronse a dúas experiencias sobre o terreo. En Sanxenxo, un grupo embarcou no Playa de Sanxenxo para realizar unha ruta interpretativa pola ría da man de Sauro Martínez, impulsor de Mariñeiro por un Día. Durante o percorrido, coñeceron a paisaxe costeira, os aparellos e as embarcacións de pesca e o patrimonio marítimo da zona, ademais de achegarse ao traballo diario a bordo dun barco de pesca artesanal.
Outro grupo viaxou a Cambados para compartir unha xornada coas mariscadoras de Guimatur. Alí puideron coñecer as técnicas tradicionais de marisqueo, as ferramentas empregadas no oficio e o patrimonio marítimo local, ademais de participar na actividade.
O congreso forma parte de Mar e Rías: Pesca & Turismo, un proxecto de cooperación no que traballan conxuntamente os oito GALP de Galicia para impulsar o pescaturismo e o turismo mariñeiro. Ao longo do proxecto desenvólvense accións de formación, acompañamento a iniciativas emprendedoras, intercambio de coñecementos e colaboración entre territorios, co obxectivo de favorecer novas oportunidades ligadas á actividade pesqueira. O congreso internacional permitiu reunir profesionais e entidades de diferentes lugares para compartir experiencias, identificar necesidades comúns e reforzar a colaboración necesaria para avanzar no desenvolvemento destas actividades.