O Congreso Internacional de Xeriatría reúne en Lugo preto de 50 expertos

O Pazo de San Marcos de Lugo acolle a 36 edición do Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía baixo o lema “Vivir máis, vivir mellor: dignidade, dereitos e coidados”, unha cita que reúne na cidade preto de 50 relatorios e a profesionais, investigadores e expertos do ámbito sanitario e social para abordar os principais retos do envellecemento.
O encontro, que se desenvolve ao longo de varias xornadas, combina mesas redondas, obradoiros e actividades de networking nas que se están a tratar cuestións como o edadismo, a esperanza de vida, as vacinas, a estimulación cerebral ou as desigualdades sociais asociadas ao envellecemento. A programación continúa este sábado 23 de maio a partir das 13:00 horas cunha mesa redonda centrada nas políticas de apoio á poboación maior no medio rural impulsadas pola Deputación de Lugo, na que se presentará o modelo provincial de residencias de pequeno tamaño orientadas á proximidade e aos coidados personalizados.
Durante a apertura da primeira xornada, o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, deu a benvida aos participantes xunto ao presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, José María Faílde, e outras autoridades, destacando a importancia de que Lugo sexa sede dun encontro destas características.
Fernández puxo en valor o traballo da Deputación Provincial de Lugo nas políticas de coidados e atención ás persoas maiores, sinalando que o feito de acoller este congreso supón un recoñecemento ao modelo que se está a desenvolver na provincia. Subliñou tamén que falar de lonxevidade en Lugo é unha realidade social e política, especialmente no ámbito rural, onde o envellecemento da poboación fai necesario reforzar servizos públicos e garantir unha atención de proximidade.
O deputado defendeu a aposta pola rede pública de residencias e servizos sociosanitarios como unha ferramenta clave para garantir que as persoas maiores poidan permanecer preto do seu entorno, e destacou que os coidados deben entenderse como un dereito fundamental. Así mesmo, incidiu na necesidade de abrir espazos de debate como este congreso para abordar desafíos como o combate ao edadismo, a adaptación aos cambios demográficos e a incorporación de innovación tecnolóxica sen perder a dimensión humana da atención.
Pola súa parte, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, trasladou a aposta da Xunta por un modelo de atención e coidados que se adapta ás preferencias de cada maior e ás necesidades do territorio.
Antón Acevedo explicou as particularidades que caracterizan Galicia, cunha poboación cada vez máis lonxeva e cunha marcada dispersión da poboación. Todo isto, recalcou, determina que as políticas públicas impulsadas pola Xunta se centren en ofrecer aos maiores a posibilidade de pasar esa etapa das súas vidas como desexen e onde prefiran, ampliando os recursos de proximidade e a oferta de servizos, como as casas do maior ou o Bono Coidado no Fogar.
Neste sentido, o director xeral tamén lembrou que o Goberno galego impulsa diferentes iniciativas para promover o envellecemento activo e combater a soidade non desexada. Así, indicou a importancia dos programas pioneiros como Benestar en Balnearios ou o Carné +65, accións que ofrecen aos maiores a posibilidade de seguir desfrutando con plenitude dunha nova etapa, sen renunciar a nada e cunha importante participación na vida social.
Ademais, Antón Acevedo agradeceu á Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía por seguir apostando por espazos de diálogo e reflexión coma este congreso que son esenciais para seguir mellorando as políticas públicas.
Do mesmo xeito, durante a inauguración, o director territorial de Política Social e Igualdade en Lugo, Óscar Viñas, trasladou o compromiso da Xunta con estas iniciativas que buscan garantir o benestar dos maiores.