O Consello da Cultura Galega afonda no legado de Margarita Ledo con 300 documentos sobre a súa vida e obra

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos reuniu especialistas de distintos ámbitos para analizar a traxectoria da xornalista, escritora, cineasta e pioneira do feminismo galego de Castro de Rei
homenaxe-margarita-ledo-consello-da-cultura-galega
30 Oct 2026

O Consello da Cultura Galega (CCG) dedicou este xoves unha xornada a revisar e poñer en valor a traxectoria de Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951), unha das figuras destacadas do xornalismo, a literatura, o cinema e o pensamento galego. Baixo o título O punto de vista involucrado, o encontro, organizado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), reuniu diferentes especialistas que analizaron as múltiples dimensións dunha vida marcada pola defensa da lingua, a memoria e o compromiso político.

Na entrevista realizada por Mar Mato, Ledo resumiu o fío condutor da súa traxectoria: «Todo é unha cuestión de toma de posición e co que fas contribúes a que se amplíen os espazos de emancipación». A autora reivindicou tamén o valor de vivir ese compromiso con entusiasmo: "E é cuestión de divertirte máis con isto que con calquera outra cousa".

Durante a conversa repasou a súa memoria familiar e os primeiros pasos no compromiso político, así como a influencia da súa nai e do seu pai. Lembrou especialmente o impacto que lle causou escoitar a Uxío Novoneyra recitar o poema Vietnam canto na Coruña, e a súa relación coa UPG, a etapa de clandestinidade en Galicia e a posterior marcha a Portugal.

O xornalismo foi para Ledo outra forma de intervir na realidade e defender a lingua galega. Tras abandonar El Ideal Gallego por razóns ideolóxicas, impulsou o semanario A Nosa Terra, cuxo primeiro número saíu en decembro de 1977, co propósito de crear un espazo informativo propio. Máis tarde, a docencia universitaria permitiulle continuar ese compromiso, vinculando a formación xornalística coa reflexión sobre a comunicación e a cultura.

Na análise da actualidade, a autora chamou a atención sobre o papel dos medios na construción das mentalidades e na consolidación de determinadas ideoloxías. Tamén abordou a crise climática e as transformacións políticas e sociais, e expresou as súas dúbidas sobre a capacidade das sociedades para reaccionar a tempo ante as consecuencias do actual modelo.

A xornada contou con intervencións de especialistas como Carmen Ciller, profesora da Universidade Carlos III, que destacou a singularidade de Ledo no audiovisual galego pola súa dobre dimensión de cineasta e investigadora. Tamén puxo en valor a súa contribución á recuperación da produtora Nós e o uso de imaxes de arquivo, fotografías e materiais familiares para rescatar memorias e voces con pouca presenza na historia.

Na mesa «Furar os silencios», moderada por Rexina Vega, participaron Xisela Franco, Lorena López e Rosa Aneiros. As intervencións afondaron na capacidade da obra de Ledo para cuestionar os relatos dominantes, recuperar voces silenciadas e conectar a creación artística coa transformación social. Aneiros destacou especialmente a súa pegada na formación xornalística e na defensa do galego como lingua para construír un relato propio do país.

O encontro pechouse coa mesa A doa que rola, na que participaron a xornalista Tereixa Navaza, a escritora e poeta Eva Veiga, a docente universitaria Soliña Barreiro e Adriana Villanueva, produtora creativa de Illa Bufarda, nunha conversa moderada por Belén Puñal arredor de distintos episodios da biografía da homenaxeada.

No marco da xornada presentouse tamén unha cartografía dixital elaborada polo CDIF que reúne máis de 300 elementos entre imaxes, textos e documentación sobre a vida persoal e profesional de Margarita Ledo. O material permite percorrer a súa traxectoria e está dispoñible a través do espazo web do Consello da Cultura Galega.

A iniciativa enmárcase no ciclo De pioneiras e andainas, impulsado desde 2009 polo CDIF para recoñecer mulleres que abriron camiños na cultura, a ciencia, o pensamento, a comunicación e a sociedade galegas. A xornada foi gravada e pode consultarse na canle de YouTube do Consello da Cultura Galega.

0.36786794662476