O Consello da Cultura Galega incorpora á rede cinco cartas de Ramón Otero Pedrayo dirixidas a Ramón Cabanillas

O Consello da Cultura Galega vén de publicar na rede cinco cartas que Ramón Otero Pedrayo lle enviou a Ramón Cabanillas ao longo de varios anos. A iniciativa coincide coa conmemoración do aniversario do falecemento do poeta cambadés e permite achegarse á relación intelectual e persoal que mantiveron ambos os escritores durante décadas, marcada pola amizade, as viaxes, as lembranzas e tamén as experiencias de soidade e desterro.
As cinco misivas, conservadas por Aurora Vidal Cabanillas, neta e afillada do poeta, forman parte do legado da Familia Cabanillas, depositado no Arquivo do Museo Ramón Cabanillas, dependente do Concello de Cambados.
A incorporación destes documentos á rede enmárcase no proxecto Epístola, unha iniciativa do Consello da Cultura Galega centrada na recuperación e difusión do patrimonio epistolar galego. O conxunto destaca pola variedade dos seus contidos e formatos. Entre as pezas figura unha carta escrita en verso por Otero Pedrayo desde Trasalba o 19 de marzo de 1945, na que relata unha viaxe por diferentes localidades galegas e lembra a ausencia do seu amigo.
A correspondencia tamén permite coñecer algúns episodios relevantes da relación entre os dous autores. Nas cartas de 1948, Otero Pedrayo anima a Cabanillas a retomar a creación poética e a preparar un libro de prosa en galego no que recolla os seus recordos, viaxes, amizades e momentos de soidade. Nelas tamén manifesta a súa ilusión polo mosteiro de Samos, lugar no que o poeta atoparía a xubilación e que marcaría unha nova etapa na súa traxectoria literaria.
Outro dos documentos fai referencia ao acto simbólico de recepción do patrimonio bibliográfico e documental de Fermín Penzol por parte da Editorial Galaxia, celebrado en Vigo en setembro de 1956, ao que Cabanillas non puido acudir.
O conxunto complétase cunha carta de decembro de 1958, na que Otero Pedrayo lle transmite a súa admiración polo poemario Samos, e outra enviada desde Buenos Aires en agosto de 1959, na que lle conta a boa acollida que estaba a ter a obra de Cabanillas entre a emigración galega.
A publicación destas cinco cartas permite recuperar unha parte da memoria epistolar de dúas figuras fundamentais da cultura galega e achegar ao público novos testemuños da amizade e da complicidade literaria que as uniu.