O Consello da Xunta aproba o novo proxecto de residencias de maiores para a creación de 25 centros con 1.800 prazas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe un proxecto de residencias de maiores que “permitirá crear 1.800 novas prazas” a través de 25 novos centros. Deste xeito, incrementarase a oferta actual de prazas residenciais en Galicia e a previsión é xerar un milleiro de postos de traballo.
Dentro desta proposta inclúese o compromiso do Executivo autonómico co novo centro en Ribeira. A maiores, como explicou a conselleira de Política Social, Fabiola García, contémplanse outros 24 equipamentos repartidos en 12 lotes, “cada un deles formado por unha residencia de máis de 100 prazas e por outra de menor tamaño”, que se denomina ‘satélite’, e que estará situada nun concello próximo para optimizar os recursos.
Tal e como explicou Rueda, estes 24 novos centros estarán distribuídos “en concellos de menos de 25.000 habitantes” que ata o momento non dispoñen de prazas residenciais públicas para persoas dependentes (grado II e III), coa finalidade de procurar a máxima cobertura e achegar estes recursos á cidadanía. Así, a provincia da Coruña contará con oito novos centros (nove contando o de Ribeira), a de Pontevedra disporá de sete, na provincia ourensá impulsaranse cinco e na de Lugo outros catro.
Este proxecto desenvolverase mediante unha fórmula de colaboración público-privada na que a Xunta garante que “como mínimo o 60% das novas 1.800 prazas sexan de titularidade pública autonómica”.
Emprazamentos seleccionados
En concreto, na provincia da Coruña as novas residencias situaranse nos seguintes ámbitos: na zona Noia/Barbanza, o centro principal estaría no Porto do Son e o de menor tamaño en Outes. Na de Eume/Ortegal, o equipamento de máis de 100 prazas emprazaríase en Mañón e o satélite en Cariño. Na área de Bergantiños/Costa da Morte, Carnota sería a localización da residencia principal e Cabana de Bergantiños a elixida para a de menor envergadura. E na comarca das Mariñas Coruñesas, Oza Cesuras acollería a infraestrutura máis grande e Carral a máis pequena.
No caso de Pontevedra, estas son as zonas elixidas para desenvolver o proxecto: na zona do Porriño e O Val Miñor, o concello do Porriño sería o emprazamento do equipamento principal e Baiona o do centro satélite. Na comarca do Salnés, selecciónase Sanxenxo para a residencia de máis de 100 prazas e Cambados para a outra do lote. Na contorna de Pontevedra, o centro principal estaría en Marín e o complementario en Moraña. E na área de Condado/Paradanta: Arbo acollería a residencia máis grande e Padrenda (moi preto, pero en Ourense), a de menos capacidade. Este é o único lote compartido por dúas provincias.
Dentro da provincia de Ourense, as residencias de maiores impulsaranse no ámbito do Ribeiro: o centro de máis de 100 prazas estaría en Ribadavia e o satélite en Castrelo de Miño. Mentres que na área da cidade de Ourense, o equipamento de maior tamaño construiríase en San Cibrao das Viñas e o de menores dimensións en Toén. A estes centros engádese o xa sinalado de Padrenda.
E, finalmente, os novos centros previstos en Lugo localizaríanse en dous espazos xeográficos: na área que comprende as zonas de Lugo/Sarria, a residencia grande iría no Corgo e a de menor entidade no Páramo. No sur de Lugo, O Saviñao sería o emprazamento principal elixido, e Folgoso do Courel o concello para o centro de menor capacidade.
Para desenvolver esta proposta será necesaria a cesión dunha parcela dotacional por parte dos concellos. As Administracións locais disporán do prazo dun mes para adherirse a este proxecto e contarán co prazo dun ano para facer efectiva a posta a disposición da parcela que cumpra con todos os requisitos. A partir de que os concellos vaian confirmando a súa adhesión, a Xunta contactará con eles para axudalos en todo o proceso.
A maiores, a iniciativa inclúe, xunto con estas 24 novas residencias, a comprometida pola Xunta de Galicia en Ribeira, con máis de 100 prazas, e na que xa se está traballando co Concello na cesión da parcela na contorna do parque de San Roque.
O novo proxecto de residencias dá cumprimento ao compromiso adquirido no Debate do Estado da Autonomía de 2025 e enmárcase, segundo resaltou Rueda, “no obxectivo de impulsar máis de 3.500 novas prazas residencias esta lexislatura, das que xa están en marcha a metade”. Unha iniciativa que, segundo a conselleira, implicará “máis prazas, máis empregos, máis servizos e máis oportunidades” a todos os concellos.