O Consello da Xunta aproba o primeiro Plan galego de coidados paliativos pediátricos

Refórzase a atención domiciliaria, o seguimento dixital e o soporte clínico as 24 horas dos 7 días da semana mediante a coordinación de todos os niveis asistenciais e o 061
Imaxe recurso dun pediatra
2 Nov 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Consello aprobou hoxe “o primeiro Plan galego de coidados paliativos pediátricos para unificar e reforzar a atención aos nenos e as familias en toda a comunidade”. Contará con orzamento de tres millóns de euros ata 2030.

Tal e como explicou, trátase dun documento que permitirá desenvolver un modelo asistencial específico para nenos, nenas e adolescentes con enfermidades crónicas complexas ou que limitan ou ameazan a vida e que precisan coidados paliativos e que instaurará “protocolos de valoración e actuacións comúns en todo o territorio”.

O novo modelo proposto polo Servizo Galego de Saúde constitúe unha estratexia para organizar a atención paliativa pediátrica “integral, coordinada e máis humana”, indicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

O Plan aprobado hoxe implica a consolidación da atención domiciliaria, a dixitalización do seguimento e o soporte clínico as 24 horas do día os sete días da semana. Para iso, o operativo deseñado coordinarase con todos os niveis asistenciais, contará con hospitalización a domicilio (HADO) e o 061, e suporá, así mesmo, a implantación dun recurso de atención intermedia que actúe como elemento de conexión entre o domicilio e o hospital. “Para os nenos que non poden estar en casa, pero tampouco precisan estar internados na UCI”, indicou Rueda.

O orzamento total do plan é de 3 millóns de euros ata o ano 2030, concentrados maioritariamente en persoal sanitario e recursos humanos, así como na adquisición de vehículos, tecnoloxía e ecógrafos. Ao respecto, o plan prevé a incorporación de cinco pediatras e cinco profesionais de enfermaría.

O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia.

O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa.

Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades “clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias”, indicou o conselleiro.

Esas liñas estratéxicas son a clasificación dos pacientes e da poboación albo, a organización e coordinación dos recursos e dispositivos asistenciais, a atención integral ás persoas con enfermidade avanzada e ás súas familias e, ademais, a formación, capacitación e soporte en atención paliativa para os distintos perfís profesionais (médicos, enfermeiros, psicólogos, traballadores sociais, etc.).

Principais medidas

Entre as principais medidas do plan destaca desenvolver, de forma progresiva, a estrutura asistencial dos coidados paliativos pediátricos en Galicia, que se enmarcará nunha Rede galega de atención paliativa pediátrica, integrada por atención primaria, atención hospitalaria, que contará con hospitalización a domicilio (HADO), o 061 e recursos comunitarios, e reforzará a atención domiciliaria e a atención continuada as 24 horas, mediante a coordinación de todos os niveis asistenciais.

Tamén se crearán e se acreditarán, tal e como explicou o conselleiro, “unidades de atención integral paliativa pediátrica” para os casos máis complexos, que estarán “nos hospitais universitarios de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo”.

Xunto ao anterior constituiranse, de xeito progresivo, equipos multidisciplinares especializados de coidados paliativos pediátricos en todas as áreas sanitarias.

Igualmente, haberá atención específica ao acompañamento no final da vida coa activación dos equipos especializados de coidados paliativos pediátricos cando sexa necesario, que garantirán o control dos síntomas, a atención integral no domicilio cando sexa a opción elixida pola familia e apoio emocional, psicolóxico e social durante todo o proceso e o seguimento no dó.

Outra das medidas do plan, xunto coa formación específica para os profesionais, será a planificación anticipada de coidados, os plans individualizados de atención e a identificación precoz dos pacientes con necesidades paliativas, co fin de adaptar os recursos á evolución da enfermidade.

Así mesmo, no ano horizonte do plan prevese a creación do programa Coidamos Contigo, que se configura como un recurso de apoio temporal e respiro familiar, destinado a pacientes pediátricos con necesidades complexas e aos seus coidadores. “Que garantirá a supervisión por profesionais dos cativos cando os pais precisen dun tempo de descanso”, indicou o presidente.

0.51046586036682