O Consello da Xunta impulsa o Plan de Prevención de Condutas Aditivas en vigor ata 2030

O documento será sometido a consulta pública para que os cidadáns e colectivos interesados acheguen as súas suxestións a través do Portal de Transparencia
Drogas
14 Oct 2026

O Consello da Xunta autorizou onte o acordo polo que se toma razón do sometemento a consulta pública do novo Plan galego de prevención de condutas aditivas 2026-2030, que establece as prioridades e actuacións da Administración autonómica neste eido para os próximos cinco anos, prestando especial atención á protección da mocidade e dos colectivos máis vulnerables.

Mediante o procedemento de consulta pública, o Goberno galego posibilita que a cidadanía, as entidades e os profesionais interesados poidan achegar as súas valoracións e propostas ao documento, antes da súa aprobación definitiva. As suxestións poderán ser presentadas a través do Portal de Transparencia da Xunta de Galicia.

O novo plan substitúe e actualiza o marco de planificación anterior, incorporando a experiencia adquirida da avaliación do anterior Plan de trastornos adictivos de Galicia e dos datos epidemiolóxicos máis recentes da comunidade, tomando como referencia, entre outras fontes, os resultados obtidos das enquisas ESTUDES 2025 e EDADES 2024.

No que atinxe aos principais retos, o documento sitúa como eixes de actuación a prevención do inicio temperán no consumo de alcohol, tabaco e cannabis; a diminución dos consumos de risco da poboación máis nova e a redución da frecuencia de episodios de embriaguez e consumo de alcohol por enchenta.

O plan permitirá, ademais, dar maior continuidade e estabilidade aos programas preventivos e reforzar o traballo en rede, mellorando a coordinación entre os diferentes axentes dos ámbitos sanitario, educativo, social, laboral e comunitario.

Dentro das actuacións previstas figuran campañas de información e sensibilización, a formación continua dos profesionais e axentes implicados e a actualización de materiais e ferramentas preventivas. Tamén se reforzarán os sistemas de información, seguimento e avaliación para dispoñer de indicadores que permitan orientar as actuacións e avaliar os seus resultados.

Dentro das novidades que incorpora o novo plan, destaca a actualización das prioridades en función dos novos patróns de consumo, e amplíase o concepto de conduta aditiva para incluír condutas como o xogo presencial e en liña ou o uso compulsivo de internet.

O documento aposta tamén polo impulso da formación, a investigación e a difusión de boas prácticas, como ferramentas para mellorar a eficacia das actuacións preventivas e adaptar a resposta ás necesidades da cidadanía.

Por último, co obxectivo de garantir unha resposta preventiva máis coordinada e adaptada, a autoridade sanitaria reforzará o seu liderado técnico e institucional na planificación, ordenación e avaliación das políticas de prevención, así como na coordinación das actuacións dos distintos axentes implicados.

O novo Plan galego de prevención de condutas aditivas 2026-2030 está en liña coa Lei 6/2025, do 23 de decembro, de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas aditivas, que entrou en vigor o pasado 7 de marzo, e complementa, desde o ámbito da prevención, as actuacións asistenciais desenvolvidas pola rede sanitaria e sociosanitaria e as medidas recollidas no Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030.

0.38460302352905