O Curtas Festival do Imaxinario convértese en festival cualificador dos Premios Fugaz

O Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa foi nomeado festival cualificador dos Premios Fugaz, os galardóns de referencia do curtametraxe español, tras o recoñecemento ao traballo desenvolvido polo certame galego.
A nova designación permitirá que a curtametraxe gañadora da sección nacional do festival acceda directamente á Short List dos Premios Fugaz. A obra pasará así á valoración da comisión de profesionais encargada de determinar as candidaturas nas distintas categorías, sempre que cumpra as bases dos galardóns e non participase anteriormente no proceso.
Con este paso, o Curtas Festival do Imaxinario convértese no único festival cualificador dos Premios Fugaz en Galicia e tamén no único de ámbito estatal especializado no xénero fantástico. A incorporación á rede de festivais cualificadores supón un novo impulso para o certame e para a difusión das obras dos creadores que participan nel.
A organización considera este recoñecemento un aval ao traballo realizado nos últimos anos e unha oportunidade para aumentar a visibilidade do festival e das producións que forman parte da súa programación.
Un festival con máis de medio século de historia
O Curtas Festival do Imaxinario conta cunha traxectoria que se remonta a 1973, o que o converte nun dos certames audiovisuais máis veteranos de Galicia e nun referente especializado no cine fantástico e de terror.
O festival, que se presenta como o Festival Internacional de Cine Fantástico de Galicia, combina a programación cinematográfica con outras disciplinas artísticas como a literatura, o cómic e as artes visuais, convertendo Vilagarcía de Arousa nun punto de encontro para os amantes do xénero fantástico.
A súa presenza no circuíto internacional tamén está avalada pola pertenza á Méliès International Festivals Federation (MIFF), que lle permite conceder o premio Méliès d’Argent á mellor curtametraxe fantástica europea. Ademais, o certame conta coa EFFE Label 2026-2027, o distintivo de calidade da European Festivals Association, e figura entre os festivais de xénero destacados internacionalmente.
O Curtas tamén é festival cualificador dos Premios Goya na categoría de curtametraxe e está declarado Evento de Interese Turístico polo Concello de Vilagarcía de Arousa.
A 54ª edición do festival celebrarase do 23 de outubro ao 1 de novembro, cunha programación que incluirá curtametraxes e longametraxes internacionais, encontros con cineastas, exposicións e actividades relacionadas co audiovisual e a cultura fantástica.