O Delas Fest regresa á área compostelá coa súa oitava edición e catro novos murais feministas

A área compostelá acollerá nas vindeiras semanas a oitava edición do Delas Fest, o programa feminista de arte urbana contextual que se consolidou como unha referencia no circuíto estatal e como o primeiro festival europeo con perspectiva de xénero. Nesta edición, o evento sumará catro novas intervencións murais en Santiago de Compostela, Brión e Negreira, realizadas polas artistas galegas Nana e Isa Bermúdez e polas mexicanas Janín Nuz e Yuda, ao tempo que reforza o peso das actividades de participación comunitaria e inmersión contextual.
A presentación do programa tivo lugar este luns no Pazo de Raxoi coa participación da concelleira de Capital Cultural de Santiago, Míriam Louzao; o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas; a concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral; o técnico de Cultura de Negreira, Marcos Pérez; e Clara Rodríguez Cordeiro, en representación de 7H Cooperativa Cultural, entidade organizadora do festival.
Durante o acto, Míriam Louzao destacou o papel do Delas Fest na construción dunha Compostela aberta e diversa, capaz de atraer artistas de diferentes partes do mundo para traballar en diálogo coa veciñanza e coa memoria colectiva dos barrios e concellos participantes. Pola súa banda, Xosé Penas reivindicou o carácter transformador do programa e o seu compromiso coa xustiza social, a visibilización das mulleres e a recuperación da memoria histórica. Tanto Sandy Cebral como Marcos Pérez puxeron en valor a importancia da iniciativa para dinamizar os seus municipios e fortalecer o vínculo entre arte e comunidade.
A organización salientou que o festival continúa ampliando a súa rede feminista de traballo, visibilización e reivindicación. Nesta edición mantense e amplíase a aposta polas actividades de inmersión contextual, que permiten ás artistas coñecer de primeira man os territorios nos que van intervir e dialogar coas persoas que os habitan. O obxectivo é que os murais xurdan da conexión entre as inquietudes creativas das artistas e as historias, saberes e vivencias das comunidades locais.
As intervencións murais desenvolveranse entre os meses de xullo e agosto. En Santiago de Compostela, Janín Nuz realizará unha obra na rúa Cruz da Nogueira número 10, mentres que Yuda intervirá na rúa Suarribas número 61. En Brión, Nana pintará na piscina municipal, e en Negreira Isa Bermúdez fará a súa creación no espazo da Unidade de Atención Temperá. Os traballos executaranse do 13 ao 19 de xullo en Compostela, do 17 ao 23 de xullo en Brión e do 27 de xullo ao 2 de agosto en Negreira.
A programación inclúe tamén numerosas actividades paralelas centradas na participación cidadá. En Santiago, as artistas mexicanas achegaranse á realidade do barrio de Conxo a través de roteiros guiados, visitas á exposición Conxo, un Concello de Seu, encontros veciñais e actividades vinculadas á memoria cultural do barrio, incluíndo lecturas relacionadas co histórico Banquete de Conxo. En Brión e Negreira celebraranse tamén encontros de anfitrioas, visitas e percorridos que permitirán ás artistas afondar na identidade local antes de definir os bosquexos definitivos das súas obras.
A imaxe desta edición leva a sinatura da artista lucense Pía Piadosa, autora do cartel, da gráfica e da ilustración principal, protagonizada por unha medusa da pintura. O seguimento audiovisual do programa correrá a cargo da cooperativa A Furna, que documentará tanto os encontros comunitarios como o proceso creativo e a execución dos murais.
Os novos traballos que se incorporen ao Delas Fest en Santiago pasarán a formar parte do patrimonio de arte urbana da cidade, sumándose aos 46 murais xa incluídos no programa Muralismo en Compostela. O festival conta co apoio da Deputación da Coruña, dos concellos de Santiago, Brión e Negreira, ademais da colaboración de diversas entidades e empresas patrocinadoras.