O deseño galego toma A Coruña cunha nova edición da Galicia Design Week

O festival celebrarase do 14 ao 23 de maio con seis sedes, actividades abertas, catro exposicións e nomes destacados da creatividade, a arquitectura, a moda e o deseño gráfico
A CORUÑA galicia desing 2026
13 May 2026

A Coruña converterase desde este xoves nun dos grandes puntos de encontro do deseño no noroeste peninsular coa celebración da sétima edición da Galicia Design Week. O festival desenvolverase do 14 ao 23 de maio e volverá reunir profesionais consolidados, novos talentos e público xeral arredor dunha programación que mestura charlas, obradoiros, exposicións, música, gastronomía e accións urbanas.

A cita chega este ano cunha presenza máis ampla na cidade. A organización confirma seis sedes principais (Studio Follow, Vavava Haus, Accenture Song, The House by Malasa, Bendita Flor e Restory) e incorporará tamén novos espazos na rúa, especialmente na avenida do Porto, onde se poderán visitar as mostras 'Designed in Galicia' e '#novodeseñogalego'. A maior parte das actividades serán de acceso gratuíto ata completar capacidade.

A Galicia Design Week mantén así a súa aposta por achegar o deseño a públicos diversos, non só a profesionais do sector. A programación inclúe conversas con estudios e creadoras de referencia, obradoiros prácticos, propostas musicais nas fins de semana, encontros vinculados á gastronomía e un showroom para dar visibilidade a marcas relacionadas co deseño galego.

Entre os nomes destacados desta edición figuran Burr, Studio Animal, Costa, Desescribir, FONDO, FRANKA, Grávita, Summa, Isabel Sierra, Dame Après Paris, Andrea Carandini, Accenture Song ou XOXO. A súa presenza permitirá abordar disciplinas moi diferentes, desde a arquitectura, o branding e o deseño gráfico ata a intelixencia artificial, a moda, o deseño alimentario ou a creación audiovisual.

O bloque expositivo será un dos eixes desta edición, con catro mostras que buscan conectar o talento galego co espazo urbano e cos lugares de creación. Studio Follow acollerá unha selección de traballos do ilustrador Xan e unha mostra cos Premios ADG Laus 2025, mentres que a Mariña reunirá ao aire libre proxectos de deseño galego recente e propostas emerxentes.

Codirixida por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, a Galicia Design Week naceu en 2021 impulsada pola axencia galega Follow e está coorganizada desde 2024 pola asociación Galicia Design. O festival forma parte da rede internacional World Design Weeks, un recoñecemento que reforza a súa posición como cita de referencia para o deseño galego e como escaparate da creatividade feita desde Galicia.

0.31505584716797