O día no que o campo volve cobrar vida: a historia da Malla dos Casás

Cinco veciños tomaron o relevo para manter en funcionamento as máquinas antigas da malla e evitar que desapareza unha tradición que durante décadas formou parte da vida do rural de Cerdido
CERDIDO repor mallas portada
Parte da organización. De esquerda a dereita: Jose Tojeiro y Luciano González
23 Aug 2026

Por Noelia Uceira

Durante unhas horas, o tempo parece retroceder nos Casás. O ruído dos motores volve encher o aire, o trigo pasa de novo polas antigas máquinas e o traballo que durante décadas formou parte da vida cotiá do campo recupera o seu espazo. É o día da Malla, unha tradición que xa non forma parte das tarefas habituais dos veciños, pero que cada verán volve para lembrar como se traballaba antigamente no rural.

Así era o traballo da Malla

A Malla era unha das grandes tarefas que chegaban despois da sega. Unha vez recollido o trigo, había que separar o gran da palla e despois limpalo para deixalo preparado. Era un traballo que requiría maquinaria, pero tamén moitas mans, xa que as xornadas se realizaban coa colaboración de familias e veciños.

O proceso que se recupera nos Casás comeza co trigo xa recollido. Prepárase e fórmase 'unha nena' de maior tamaño antes de poñer en funcionamento as máquinas. Os motores fan xirar os mecanismos que permiten realizar a Malla e separar o gran da palla, o que se coñece na zona como ' a trilladora'. Despois chega a limpeza do trigo, para a que se utilizaba a limpadora ou a eventadora, outra das máquinas recuperadas.

A forma de realizar a sega cambiou completamente co paso dos anos e coa chegada de nova maquinaria, pero a celebración da Malla mantén a esencia daquel proceso. Como explican os seus organizadores, 'o que é a Malla, iso faise como antigamente'.

Non se trata, polo tanto, unicamente de poñer en marcha máquinas antigas. A recreación permite mostrar como se desenvolvía unha tarefa agrícola que durante décadas foi habitual nas parroquias rurais e que hoxe practicamente desapareceu da vida cotiá.

Dunha afección persoal a unha historia dos Casás

A Malla que hoxe se celebra nos Casás ten detrás unha historia que comezou moito antes de que os cinco veciños que actualmente se encargan dela asumisen o relevo.

Un dos principais impulsores foi Conrado Gil, xa falecido. A súa afección pola mecánica levouno a comezar a recuperar e restaurar maquinaria e motores destinados á malla cando se xubilou. O que comezou como unha inquietude persoal foi medrando pouco a pouco ata converterse nun proxecto colectivo.

Durante anos, a antiga asociación encargouse de localizar, adquirir e restaurar diferentes máquinas. Algunhas foron compradas e outras chegaron grazas a familias da zona que decidiron doalas. O obxectivo era conseguir que aquelas pezas que quedaran apartadas puidesen volver funcionar.

'Restaurar e seguir mantendo as máquinas como están, en funcionamento todas', era a idea que guiaba aquel traballo.

A colección foi medrando e, con ela, a necesidade de dispoñer dun lugar onde conservar todo ese patrimonio. O Concello construíu unha nave destinada a albergar as máquinas restauradas, que quedaron reunidas e protexidas nun mesmo espazo.

Unha nave que garda a memoria das familias

Hoxe, entrar nesa nave supón atoparse cunha parte da historia agrícola dos Casás. Alí consérvanse motores empregados para a Malla e outras máquinas relacionadas con diferentes fases do traballo do campo.

A peza máis antiga da colección data de 1914. Cada máquina ten ademais a súa propia historia e está identificada mediante unha placa na que aparece o ano ao que corresponde, cando foi restaurada e a familia que a doou.

Deste xeito, a colección non só permite coñecer como se realizaban aquelas tarefas. Tamén deixa constancia das familias que participaron na recuperación do patrimonio e das persoas que dedicaron tempo a devolver a vida a unhas máquinas e motores que levaban anos apartados.

Durante a xornada da Malla, a nave abre as súas portas para que veciños e visitantes poidan entrar, coñecer a colección e entender para que servían aquelas pezas.

Cinco veciños toman o relevo

A historia da Malla tivo que enfrontarse tamén a un momento complicado. Co paso dos anos, a antiga estrutura organizativa foi perdendo forza e a pandemia provocou un parón na celebración. Houbo un momento no que a continuidade da festa chegou a estar en risco.

Foi entón cando José Tojeiro, Luciano González, Miro Mourente, José Manuel Luaces e Benigno Piñeiro decidiron dar un paso adiante para evitar que todo o traballo realizado ata entón quedase atrás. Os cinco veciños asumiron o relevo e volveron poñer en marcha a celebración.

Agora son eles os que se encargan de organizala e de manter en funcionamento as máquinas. Unha responsabilidade que vai máis alá dun único día, xa que implica coidar e conservar todo o patrimonio que se foi reunindo durante anos.

A situación dos Casás tampouco facilita a tarefa. Quedan poucas casas e boa parte dos seus habitantes son persoas maiores. Ao mesmo tempo, hai veciños que chegaron doutros lugares e que non viviron directamente aquela época.

Por iso, os actuais responsables teñen claro cal é a súa prioridade. 'O obxectivo é manter o que hai', explican. E resúmeno aínda dunha maneira máis directa: 'Aguantar o que hai'.

O futuro pasa por atopar un novo relevo

A continuidade da Malla dependerá tamén de que máis persoas se impliquen. Nas últimas edicións incorporáronse veciños da parroquia e persoas chegadas doutros lugares. O ano pasado, segundo explican os organizadores, chegaron a contar con preto de 30 persoas colaborando durante o traballo da Malla.

A intención é que ese grupo poida seguir medrando e que o peso da organización non recaia sempre sobre as mesmas persoas. Os cinco responsables actuais son conscientes de que algún día terán que deixar paso a outras xeracións. Comentan que contemplan tamén a posibilidade de recuperar unha estrutura asociativa que permita repartir mellor o traballo e facilitar o acceso a axudas.

Máis alá da organización, existe tamén unha razón sentimental para non deixar caer todo o conseguido. Detrás das máquinas hai anos de traballo e moitas horas dedicadas a restauralas, ademais dun sentimento de unión entre veciños, tanto polo patrimonio como pola celebración. 'Cantas horas de traballo pasaron aquí e agora deixar morrer todo parece que fastidia', recoñecen os organizadores.

A XVI Malla Tradicional será o sábado 29 de agosto

Todo ese traballo volverá facerse visible o vindeiro sábado 29 de agosto, cando Os Casás acolla a décimo sexta edición da súa Malla Tradicional.

A xornada comezará ás 11.00 horas coa recreación das antigas tarefas agrícolas e permitirá volver poñer en funcionamento parte da maquinaria restaurada. Durante o día tamén se abrirá a nave para que os asistentes poidan visitar a colección. Despois chegarán a sesión vermú, a comida popular e a música, prolongando a celebración durante a tarde e a noite.

Unha vez máis, o trigo volverá pasar polas máquinas e o son dos motores volverá encher Os Casás. Durante unhas horas, unha forma de traballar que desapareceu do campo volverá estar presente, non só para lembrar como era, senón para intentar que quen veña detrás saiba que algunha vez existiu.

0.36808705329895