O Dúatlon Cidade de Santiago reúne este sábado preto de 600 deportistas na súa XXVI edición

O Dúatlon Cidade de Santiago celebrará este sábado, 25 de abril, a súa XXVI edición cunha participación próxima ás 600 persoas, consolidándose como unha das citas deportivas máis destacadas da cidade.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou o evento acompañada por Nacho Varela en representación da organización, animando á veciñanza a participar ou asistir a unha xornada “que combina atletismo e ciclismo” e que se desenvolverá ao longo de todo o día no Monte do Gozo.
Segundo explicou a organización, trátase dunha proba “moi espectacular, moi vistosa e moi dura”, que contará cunha alta participación e que reflicte o carácter deportivo da cidade. “Santiago é unha cidade que respira deporte”, destacou Nacho Varela.
A competición comezará pola mañá, a partir das 09.30 horas, coas categorías escolares. Benxamíns, alevíns, infantís e cadetes disputarán as finais provinciais de dúatlon da Coruña, coa entrega de trofeos prevista para as 12.30 horas.
Xa pola tarde, desde as 14.00 horas, será a quenda das categorías xuvenil e júnior, antes de dar paso á proba popular aberta á participación de toda a cidadanía, nunha aposta polo deporte accesible e inclusivo.
A xornada culminará a partir das 17.00 horas co Campionato Galego de Dúatlon de Estrada nas categorías feminina, masculina e inclusiva, unha cita de máximo nivel competitivo que pechará coa entrega de premios ás 20.30 horas.
En total, está prevista a participación de arredor de 250 escolares e preto de 300 persoas adultas, unhas cifras que amosan o crecemento e a consolidación deste evento deportivo.
A concelleira destacou a importancia desta cita dentro da aposta municipal polo deporte base e polos hábitos de vida saudables. “É unha xornada completa na que participan todas as idades e niveis, reforzando o noso compromiso co deporte e coa convivencia”, sinalou.
Recomendacións de seguridade
Desde a organización e o Concello lembran a importancia de seguir as indicacións do dispositivo de seguridade durante a xornada, que coincide coa celebración da carreira e andaina solidaria "Unha tarde con Samuel" no Monte do Gozo.
Recoméndase o uso do transporte público e evitar o acceso en vehículo privado pola rúa das Estrelas, que permanecerá cortada ao tráfico. Como alternativas, poderase acceder pola zona de San Lázaro ou San Marcos.