O Educar en Xustiza pecha o curso cunha participación récord de 11.000 estudantes

O programa desenvolveuse en 28 partidos xudiciais, aos que se desprazaron escolares de 197 centros galegos, un 30 % máis que o ano anterior
xuiz-xulgado-xustiza
3 Jun 2026

O programa Educar en Xustiza bateu o seu récord ao pechar o curso 2025-2026 con 11.363 estudantes participantes, un 30 % máis que o ano anterior. A iniciativa, promovida polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ten como obxectivo que a mocidade coñeza o funcionamento da Administración de Xustiza.

Nesta edición, chegou a alumnado de 197 centros educativos galegos, que se desprazou a sedes situadas en 28 partidos xudiciais diferentes, fronte aos 23 do ano pasado, o que permitiu ampliar o seu alcance territorial.

Durante as visitas, os membros da carreira xudicial explicáronlles en que consiste o seu traballo e como funciona a Administración de Xustiza. Ademais, o estudantado tivo a oportunidade de formular preguntas aos xuíces e xuízas que participaron no programa. Na actividade tamén se trataron asuntos que afectan directamente ás persoas menores de idade, como o uso das redes sociais, a violencia de xénero ou o acoso escolar, ao tempo que se analizaron as consecuencias xurídicas derivadas de determinadas condutas.

A maioría dos centros educativos solicitaron a asistencia a vistas da xurisdición penal, aínda que nesta edición medrou o interese polos xuízos da orde social.

No programa participaron estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, tanto de centros públicos como concertados e privados, así como de diferentes universidades.

A implicación dos xuíces e xuízas de Galicia foi fundamental para o desenvolvemento da actividade. A súa colaboración permitiu que o alumnado se achegase á Administración de Xustiza dunha maneira didáctica, participativa e próxima.

Esta semana celébranse as últimas visitas deste curso escolar, que terán lugar no Tribunal de Instancia da Coruña, partido xudicial que neste curso recibiu 5.302 estudantes.

0.42575001716614