O Eixo Atlántico analiza en Lugo o impacto das crises internacionais nas cidades

O Consello Estratéxico aborda medidas para reforzar a resiliencia urbana fronte aos conflitos e á crise enerxética
Consello-Estratéixo-do-Eixo-Atlántico-Lugo-2026
21 Apr 2026

O Consello Estratéxico do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular reuniuse en Lugo para avaliar a situación actual marcada polos conflitos bélicos en Ucraína, Gaza e Irán, así como polas crises enerxética e económica que están a afectar á cidadanía e ás administracións locais. O encontro serviu para reflexionar sobre o contexto global e identificar liñas de acción orientadas a fortalecer a resiliencia das cidades.

O órgano, constituído o pasado febreiro na Asemblea Xeral celebrada na Coruña, puxo o foco no papel das cidades como primeira liña de resposta ante crises que, segundo se destacou, non foron provocadas nin polos gobernos locais nin polos cidadáns, pero cuxas consecuencias recaen directamente sobre eles. Neste sentido, subliñouse a necesidade de anticiparse aos efectos destas situacións e de protexer especialmente aos sectores máis vulnerables fronte ao aumento dos prezos e ás dificultades enerxéticas.

Durante a sesión analizáronse tamén cuestións estratéxicas para o desenvolvemento do territorio Galicia–Norte de Portugal, como a maritimidade, o despoboamento ou os incendios forestais. O debate continuará nunha segunda reunión prevista para o mes de xullo na cidade portuguesa de Santa Maria da Feira.

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, destacou o traballo da entidade na busca de solucións para o futuro das cidades, fronte ao que cualificou como falta de acción noutras esferas políticas.

A reunión contou co apoio do alcalde de Lugo e presidente do Eixo Atlántico, Miguel Fernández, e coa participación do vicepresidente da entidade e alcalde de Viana do Castelo, Luís Nobre. O Salón de Plenos do Concello acolleu tamén a figuras destacadas do ámbito político e académico, entre elas os exministros portugueses José Maria Costa e Arlindo Cunha, o expresidente da Xunta Fernando González Laxe, o exresponsable da FEGAMP Alfredo García e exalcaldes como Severino Rodríguez e José Sánchez Bugallo.

Xunto a eles participaron expertos como a profesora Adelina Pinto, o exdirector da Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona Francesc Cárdenas e o exresponsable da Axencia para o Desenvolvemento e Cohesión de Portugal José Soeiro, que contribuíron co seu coñecemento á análise e proposta de estratexias para afrontar os retos actuais.

0.43033599853516