O EmigraSON recibe o Premio da Cultura Galega polo seu labor de difusión da música galega en Europa

O festival de música celebrado en Bruxelas foi recoñecido este venres como a iniciativa con maior Proxección Exterior e tamén está nominado a Mellor proxecto de comunicación nos Premios PALCO
festival-emigrason
17 Oct 2026

O EmigraSON vén de recibir o Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior, un recoñecemento ao traballo que o festival desenvolve desde Bruxelas para achegar a música galega á comunidade emigrada e ampliar a súa presenza fóra de Galicia.

O xurado dos galardóns, promovidos pola Xunta de Galicia, distinguiu este venres a iniciativa, que pasou de reunir arredor de 200 persoas na súa primeira edición a congregar preto de 2.000 na cuarta, celebrada a finais de febreiro e comezos de marzo de 2026. «Recibimos o recoñecemento coma un impulso para seguir facendo o que nos move: xerar espazos de encontro para a comunidade galega no exterior e poñer a nosa cultura no lugar que se merece a nivel internacional», sinalan desde a organización.

O EmigraSON naceu en 2023 da man dun grupo de galegos e galegas afincados en Bruxelas: Karan Novo, Gara López, Ángel Estévez, Mateo González, David Rebollo, Claudia Pablos e María Dios. Desde unha estrutura autoxestionada, o proxecto medrou nestes catro anos ata converterse nun punto de encontro para a diáspora e nunha vía para dar a coñecer a música galega entre o público internacional.

Nestes catro anos conseguiron programar en Bruxelas algunhas das voces máis destacadas da música contemporánea actual: Tanxugueiras, The Rapants, Baiuca, Fillas de Cassandra, Ortiga, De Ninghures, Terbutalina, 9Louro, Sabela ou Familia Caamagno xa actuaron en Bruxelas antes centos de fans galegos e doutras partes do continente.

Nos vindeiros días anunciaranse as datas da quinta edición, que terá lugar novamente na capital belga a comezos de 2027.

Outra das boas novas que recibiu recentemente a organización do festival foi a candidatura nos Premios PALCO na categoría de Mellor proxecto de comunicación. O certame está organizado pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, e nace como un espazo para favorecer as relacións entre artistas, empresas, promotoras, salas e institucións, ademais de impulsar novas oportunidades de colaboración e dar visibilidade ao tecido musical galego. A gala terá lugar o martes 3 de novembro na Sala Capitol, en Santiago de Compostela.

0.35138010978699