O EmigraSON volverá a Bruxelas os días 5 e 6 de marzo tras recibir o Premio da Cultura Galega

A actividade esténdese coa organización do Ciclo de Cine Mestre Mateo 2026, unha programación gratuíta que achega unha selección de producións audiovisuais galegas á capital europea
festival-emigrason
25 Oct 2026

O festival de música galega en Bruxelas celebrará a súa quinta edición os días 5 e 6 de marzo de 2027, nunha nova convocatoria coa que busca seguir achegando a cultura galega á diáspora e ao público internacional. O anuncio das datas chega despois de que o evento recibise o Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior e fose nomeado aos Premios PALCO.

O EmigraSON naceu en 2023 como unha iniciativa autoxestionada por un grupo de galegos e galegas residentes na capital belga. Desde entón, o festival ampliou a súa programación e consolidouse como unha plataforma de difusión da música galega contemporánea fóra de Galicia. A organización anunciará nas próximas semanas as bandas que participarán na edición de 2027.

O Premio da Cultura Galega, concedido o pasado 16 de outubro na categoría de Proxección Exterior, recoñece o labor do festival na difusión da cultura galega fóra do país. Ademais, o EmigraSON opta ao premio ao Mellor Proxecto de Comunicación dos Premios PALCO, organizados pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia. A gala terá lugar o 3 de novembro en Santiago de Compostela.

Na súa cuarta edición, celebrada no inverno de 2026, o festival reuniu preto de 2.000 persoas nas salas La Madeleine e La Tricoterie. Ao longo da súa traxectoria, o EmigraSON levou a Bruxelas artistas como Tanxugueiras, Baiuca, The Rapants, Fillas de Cassandra, Ortiga e Terbutalina, entre outros nomes destacados da música galega actual.

A quinta edición conta co apoio da Xunta de Galicia, o proxecto europeo STORCITO, a Deputación de Pontevedra, o Instituto Cervantes, TurEspaña, a Embaixada de España en Bélxica e a Fundación Galicia Europa. Tamén colaboran como patrocinadores Evolta, Deleite, AirEuropa, Liporca e Aí Falaches. Ademais, renovaron o seu apoio os tres eurodeputados galegos Francisco Millán Mon, Nicolás González Casares e Ana Miranda Paz.

O cine galego tamén chega a Bruxelas

A actividade do EmigraSON esténdese máis alá das datas do festival coa organización do Ciclo de Cine Mestre Mateo 2026, unha programación gratuíta que achega unha selección de producións audiovisuais galegas á capital europea, nas sedes do Instituto Cervantes e da Fundación Galicia Europa.

O ciclo comezou o pasado 30 de setembro e prolongarase ata o 14 de decembro. A programación inclúe títulos como Sirat, San Simón, Deuses de Pedra, As Liñas Discontinuas, O Silencio Herdado, Antes de Nós, 360 Curvas e Ao Son da Nova Regueifa.

Algunhas das proxeccións contan coa presenza de profesionais vinculados ás películas, como Diego Moldes, Anxos Fazáns, Alejandro Gándara, Adrián Méndez, Manuel Lucas e Manolo Maseda, que participan en encontros co público arredor das obras.

O programa conta co apoio da Academia Galega do Audiovisual, a Xunta de Galicia, o Instituto Cervantes, a Fundación Galicia Europa, o Couto Mixto e Acción Cultural Española, a través do Programa PICE.

Con esta iniciativa, o EmigraSON reforza a súa actividade cultural ao longo de todo o ano e amplía a presenza da creación galega en Bruxelas, tanto no ámbito musical como no audiovisual.

0.4112401008606