O Encontro de Sober consolídase como espazo de debate sobre o futuro do rural e a industria en Galicia

Máis de 400 persoas participaron en dúas xornadas centradas no emprendemento, a vivenda e o desenvolvemento territorial
o-encontro-de-sober-2026
8 May 2026

O Encontro Sober 2026 pechou unha nova edición con máis de 400 participantes e dúas xornadas de debate centradas na relación entre o mundo rural e o tecido industrial, así como no papel do emprendemento, a vivenda e a fixación de poboación no desenvolvemento de Galicia.

O foro, celebrado no Áurea Palacio de Sober e promovido polo Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), reuniu a representantes do ámbito empresarial, institucional e académico en distintas mesas de traballo sobre economía, sustentabilidade e territorio.

Durante a clausura, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, defendeu a necesidade de consolidar un modelo de emprendemento vinculado ao territorio. Na súa intervención afirmou que “Galicia tiene que entender que puede ser un modelo de emprendimiento ligado al territorio” e avanzou unha nova liña de axudas para a rehabilitación de vivendas no rural vinculadas ao emprego.

O responsable autonómico destacou tamén distintas iniciativas de apoio ao emprendemento e á captación de talento, como redes de acompañamento empresarial e programas de retorno de poboación emigrada.

Pola súa banda, o presidente de CESUGA, Venancio Salcines, pechou o encontro cunha mensaxe centrada na cooperación entre sectores e territorios. Nas súas palabras, “solo sumando cambiamos nuestra posición en el mundo” e engadiu que “hemos realizado una maratón de crecimiento continuo. Así se hace país”.
O foro contou tamén coa participación de representantes institucionais e empresariais que abordaron cuestións como a xestión do risco no sector agroalimentario, a sustentabilidade na cadea de valor ou a atracción e retención de talento nas empresas.

En distintas mesas analizáronse ademais aspectos como a planificación do territorio, o acceso á vivenda, as infraestruturas ou a relación entre industria e servizos no medio rural. Os participantes coincidiron na necesidade de reforzar a cooperación entre axentes públicos e privados para garantir o desenvolvemento económico e social do territorio.

O encontro incluíu tamén un bloque dedicado ao sector mar-industria, no que se abordaron os retos da internacionalización, a sustentabilidade e a competitividade da actividade pesqueira e conserveira galega.

Con esta edición, O Encontro Sober consolídase como un espazo de debate sobre o desenvolvemento económico de Galicia, co foco posto na conexión entre rural, industria e políticas de cohesión territorial.

0.27362990379333