O Encordass Fiddle Fest abre a venda de entradas e confirma os primeiros artistas da súa nova edición

O festival internacional Encordass Fiddle Fest, especializado en violín tradicional e música de corda de raíz, xa puxo á venda as entradas para a súa edición de 2026, que se celebrará entre o 3 e o 5 de xullo na Illa de San Simón. O evento, organizado pola asociación Galicia Fiddle, terá nesta ocasión a música escocesa como eixo principal da programación artística e formativa.
A presentación oficial desenvolveuse este xoves no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, nun acto no que participaron o director do festival, Alfonso Franco; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; e a directora do Museo do Mar, Marta Lucio. O encontro rematou cunha pequena actuación do dúo folk vigués Abril, que tamén formará parte do cartel desta edición.
O festival arrancará o 2 de xullo cun concerto inaugural gratuíto no Museo do Mar, no que actuarán Scottish Fish, Elias Alexander e o propio grupo Abril. Marta Lucio destacou o éxito da pasada edición e expresou a súa confianza en repetir a boa acollida do público este verán.
Durante a presentación, Anxo Lorenzo puxo en valor o carácter formativo do festival e o traballo que desenvolve coa canteira musical galega, mentres que Alfonso Franco incidiu na estreita relación histórica entre Galicia e Escocia no ámbito do violín folk. O director de Encordass subliñou especialmente a presenza de Alasdair Fraser, considerado unha das grandes figuras internacionais do fiddle e principal convidado desta edición.
A organización lembra que a tradición escocesa tivo unha enorme influencia no desenvolvemento do folk galego desde os anos oitenta, cando moitos músicos galegos atoparon en Escocia e Irlanda referentes para incorporar o violín á música popular galega. Esa conexión consolidouse anos despois coa relación profesional entre Fraser e Alfonso Franco, que participou como docente no Sierra Fiddle Camp de California por invitación do violinista escocés.
Ademais de Alasdair Fraser, o cartel incluirá artistas internacionais como Elias Alexander, Katie McNally e Neil Pearlman, xunto a músicos galegos como Fernando Barroso, Tonecho Castelos e Pablo Esqueira dúo ou Abril. O festival combinará concertos, actividades paralelas e propostas formativas nun espazo singular como a Illa de San Simón.
As entradas para os días 3, 4 e 5 de xullo xa están dispoñibles na plataforma Entradium, con prezos entre os 35 e os 60 euros. Todos os billetes inclúen o desprazamento en barco de ida e volta ata a illa. Ademais, existen descontos para titulares da Tarxeta Xove, pensionistas e persoas desempregadas.
As sesións do venres e do sábado desenvolveranse en horario de tarde, con saída desde o porto de Meirande, e incluirán música en directo durante a travesía marítima e visitas guiadas á illa. O domingo, a programación estenderase desde o mediodía ata a noite e contará con máis de corenta actuacións, catas e outras actividades complementarias.
O festival mantén tamén abertas as inscricións para as Aulas Encordass, unha proposta dirixida a instrumentistas que combina formación musical, obradoiros, convivencia cos artistas e acceso completo ás actividades do evento.
Nesta edición, o Encordass Fiddle Fest conta co apoio da Xunta de Galicia a través da AGADIC, do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra.