O Entroido de Cobres xa é Festa de Interese Turístico Nacional

A programación desenvólvese desde o sábado ata o martes de Entroido e ten como acto principal a coñecida ‘Corrida do Galo’
entroido-de-cobres
18 May 2026

O Entroido de Cobres, celebrado no municipio pontevedrés de Vilaboa, foi recoñecido oficialmente como Festa de Interese Turístico Nacional, segundo publica este luns o Boletín Oficial do Estado (BOE). A declaración ratifica o acordo adoptado o pasado 28 de abril e sitúa esta celebración tradicional entre as principais citas festivas do país.

O recoñecemento pon en valor a longa traxectoria histórica deste entroido galego, a súa continuidade ao longo dos séculos e a singularidade das súas tradicións. O Estado destaca ademais a conservación e recuperación de danzas e rituais culturais propios, así como a variedade de actos que conforman a programación festiva.

Con esta distinción, o Entroido de Cobres pasa a formar parte da listaxe de festas galegas con interese turístico nacional, converténdose na duodécima da comunidade e nunha das 162 recoñecidas actualmente en España.

Aínda que non existe unha data exacta sobre a súa orixe, a celebración remóntase ao século XVIII e unicamente se viu interrompida durante a Guerra Civil e a pandemia. Ao longo dos anos, a festa foi evolucionando sen perder os seus elementos máis característicos.

Tradicionalmente, a organización recaía en grupos de mozos coñecidos como ‘os mozos’ e ‘os cofrades’, encargados de formar a comitiva do entroido e percorrer as parroquias para recadar fondos destinados á popular ‘Corrida do Galo’. Naqueles desfiles participaban parellas de madamas e galáns acompañadas por músicos tradicionais.

Na actualidade, as madamas continúan sendo a figura máis representativa do Entroido de Cobres, lucindo elaborados traxes confeccionados con gran detalle. Xunto a elas participan os galáns e as persoas vestidas de branco, mentres a música corre a cargo da banda Aires de Cobres, pertencente á Asociación Cultural Cobres, organizadora da celebración.

A festa mantén ademais outros personaxes tradicionais como os ‘vellos’, o ‘majacho’ —único personaxe enmascarado do entroido— e o ‘predicador’, recuperado recentemente para ironizar sobre os acontecementos máis destacados ocorridos na localidade desde o último Entroido.

A programación desenvólvese desde o sábado ata o martes de Entroido e ten como acto principal a coñecida ‘Corrida do Galo’. Durante esta celebración, os ‘vellos’ custodian un galo simbólico mentres outros participantes intentan facerse con el en distintos xogos populares. A xornada conclúe con actuacións, bailes tradicionais, a danza das espadas, o sermón do predicador e a queima dun gran galo ficticio.

0.32519102096558