O espectáculo “Querida Montserrat, querido Luciano”, de ÓperaConcert, chegará a Vilanova de Arousa, Caldas de Reis e Forcarei

A Deputación de Pontevedra levará a próxima semana a tres concellos da provincia o espectáculo “Querida Montserrat, querido Luciano”, unha proposta de ópera e música clásica de ÓperaConcert dedicada á memoria de Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti. As actuacións terán lugar o domingo 23 de agosto en Vilanova de Arousa, o luns 24 en Caldas de Reis e o martes 25 en Forcarei, todas ás 21.00 horas.
En Vilanova de Arousa, o concerto celebrarase no xardín Umbrío, mentres que en Caldas de Reis terá como escenario a Carballeira. A última das tres citas terá lugar na praza do Concello de Forcarei.
O deputado de Cultura da Deputación, Jorge Cubela, presentou a programación acompañado por representantes dos concellos. Durante a presentación destacou que “Querida Montserrat, querido Luciano” é unha actuación “totalmente única e especial” que contará coa participación de cantantes de ópera e familiares das dúas figuras homenaxeadas.
O elenco estará formado por Montserrat Martí Caballé, Simona Todaro Pavarotti, Luis Santana, Dolores Crespo e Víctor Carbajo. A proposta combinará as interpretacións musicais coa conversa entre os artistas, que compartirán co público anécdotas e información sobre as pezas que forman parte do espectáculo.
Cubela lembrou que o concerto xa estivera presente na pasada edición de Son Verán e explicou que “estamos moi satisfeitos coa acollida que lle deu o público e por iso queriamos darlle a oportunidade á veciñanza doutros concellos de que tamén puidesen desfrutar del”.
O responsable provincial de Cultura sinalou tamén que “non é habitual que nos concellos máis pequenos da provincia se programen propostas desta clase, de ópera e música clásica”. Neste sentido, indicou que “un dos obxectivos da Deputación con este programa é precisamente saír dos sendeiros habituais de programación cultural para ofrecer propostas alternativas pero que congregan unha boa cantidade de público”.
Jorge Cubela explicou que Son Verán permite á Deputación “afrontar esta segunda metade do período estival levando por toda a provincia unha programación cultural de calidade”. A iniciativa busca ampliar a oferta cultural e musical con propostas diferentes das incluídas habitualmente nos programas dos concellos e da propia Deputación.
A programación está estruturada en catro grandes bloques dedicados á ópera, o musical, a música tradicional e celta e as músicas do mundo. En total, Son Verán contempla 13 actuacións distribuídas por oito comarcas, con especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes.
O ciclo comezou o 24 de xullo co concerto de Gabriel Fandi e durante o mes de agosto chegará, ademais de Vilanova de Arousa, Caldas de Reis e Forcarei, a Cerdedo-Cotobade, Ribadumia e Valga. The Crass actuará o 22 de agosto na praza da Chan de Cerdedo-Cotobade, mentres que Queiman Folk estará o 29 de agosto en Valga e Laroá ofrecerá o día 30 un concerto na praza do Concello de Ribadumia.
En setembro, Son Verán continuará en Cangas de Morrazo, A Guarda, Marín, As Neves, O Porriño e Redondela. Laroá actuará o 3 de setembro na Guarda, mentres que Roi Casal ofrecerá actuacións o 13 de setembro na praza do Concello das Neves e en Redondela.
O programa tamén inclúe dous concertos de Carlos Núñez, previstos para setembro no auditorio municipal de Marín e no porto de Aldán, en Cangas de Morrazo. Son Verán finalizará o 25 de setembro no Porriño cun espectáculo de Queiman Folk.