O Festaclown regresará a Vilagarcía do 17 ao 22 de agosto como referente das artes escénicas e do circo

O Parque de Ravella acolleu este luns a presentación da duodécima edición do Festaclown, que se celebrará en Vilagarcía de Arousa entre o 17 e o 22 de agosto e volverá situar a cidade como un dos referentes das artes escénicas e do circo.
No acto participou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, xunto co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; a concelleira de Cultura, Sonia Outón; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; e o coordinador do Festaclown, Nacho Fungueiriño. A presentación rematou cun número a cargo de Sue Moreno.
Durante a presentación, Losada destacou o apoio do Goberno de España ás artes escénicas a través do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) e puxo o foco no papel do Festaclown como unha proposta cultural próxima e accesible que contribúe á dinamización da cidade.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra reivindicou tamén o papel da cultura nunha sociedade democrática, sinalando que “non hai democracia de calidade sen cultura libre. Fronte a quen cuestiona a liberdade de creación e a diversidade cultural, debemos defender unha cultura plural e aberta como un dereito de toda a cidadanía”.
A presentación institucional serviu como antesala da programación da nova edición do Festaclown, que se desenvolverá durante seis días en Vilagarcía de Arousa no marco das festas patronais de San Roque.
As festas de San Roque están declaradas de Interese Turístico Nacional e acollerán así unha nova edición do festival, que volverá levar á cidade propostas vinculadas ás artes escénicas e ao circo entre o 17 e o 22 de agosto.