O Festiletras recoñece a Xosé Regueira co título de Bo e Xeneroso de Honra

O festival distingue ao vicepresidente da Deputación da Coruña pola súa defensa da lingua e da cultura galegas e polo seu compromiso continuado coa comunidade do Couto
festiletras-xose-regueira
24 Aug 2026

O Festiletras recoñece este ano a traxectoria e o compromiso de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, coa entrega do Premio Bo e Xeneroso de Honra, unha distinción coa que o festival quere poñer en valor o seu labor a prol da lingua, da cultura e da identidade galegas.

O recoñecemento destaca especialmente unha maneira de facer país desde a proximidade, a palabra e o compromiso cotián. Para o Festiletras, Regueira representa unha forma de entender a defensa de Galicia baseada na participación, na implicación coa comunidade e no apoio constante ás iniciativas culturais que nacen desde o territorio.

Ao longo dos anos, Xosé Regueira mantivo unha relación estreita co Festiletras e coa aldea do Couto, acompañando o festival nas súas diferentes etapas e compartindo ideas, tempo e afectos. Unha presenza continuada que, para a organización, transcende o apoio institucional e se converte nun vínculo persoal cunha celebración que reivindica a literatura, a música, a lingua e a cultura galegas desde o rural.

“Hai persoas que fan país desde a palabra, o compromiso e a xenerosidade cotiá. Xosé Regueira é unha delas”, sinala o Festiletras na motivación do galardón. O festival quere así agradecer “tantos anos de defensa da lingua, da cultura e dunha Galicia orgullosa de si mesma”, ao tempo que recoñece a quen “nunca deixou de camiñar ao lado desta aldea e deste festival”.

Pola súa banda, Regueira agradeceu o recoñecemento "con humildade", recollendo o galardón "non só en nome propio, senón no da administración que realmente leva apoiando durante todos estes anos as Festiletras: a Deputación da Coruña".

"Sempre considerei este evento como unha pequena grande miragre e sempre crín nel e agora, coa carga que depositan sobre min, tamén como unha enorme responsabilidade" sinalou o vicepresidente. "Para calquera pequena aldea do País é moito máis fácil montar un palco, traer unha orquestra ou un trío e facer unha verbena, que convertir as súas eiras e camiños nunha referencia nacional de celebración das nosas letras, da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa identidade."

O Bo e Xeneroso de Honra ten tamén un significado especial polo lugar desde o que se entrega. A aldea do Couto converteuse ao longo dos anos nun espazo de encontro e celebración da cultura galega e nun dos sinais de identidade do Festiletras. A organización reivindica precisamente esa dimensión comunitaria para explicar a elección de Regueira: “As grandes persoas non se miden polo ruído que fan, senón pola pegada fonda que deixan na comunidade”

0.23595309257507