O Festival 17º Ribeira Sacra celebra o seu décimo aniversario cun cartel encabezado por The Divine Comedy, Sidonie e Baiuca

O programa, que arranca este venres, inclúe concertos en Sober e Chantada, novas experiencias e unha programación que combinará música, gastronomía e actividades no territorio
17º-ribeira-sacra
24 Jul 2026

O Festival 17º Ribeira Sacra regresará do 24 ao 26 de xullo para celebrar a súa décima edición cunha programación especial que combinará concertos, propostas gastronómicas e novas experiencias en diferentes espazos da Ribeira Sacra.

A organización califica esta edición como unha celebración dos dez anos de traxectoria do certame, cun programa pensado para conmemorar o aniversario a través da música, os reencontros e actividades que volverán poñer en valor a contorna natural na que se desenvolve o festival. Ademais das actuacións musicais, o evento incorporará novas experiencias e propostas gastronómicas, así como outras novidades que se irán anunciando nas próximas semanas.

O cartel estará encabezado por The Divine Comedy, Sidonie e Baiuca, aos que se suman Anni B Sweet, Puño Dragón, Vera Fauna, Los Invaders e Mariagrep & Mundo Prestigio.

A programación arranca este venres 24 de xullo nas Adegas Regina Viarum, onde actuarán Baiuca, Anni B Sweet e Mariagrep & Mundo Prestigio. Ese mesmo día, o Santuario da Nosa Señora de Cadeiras acollerá un concerto de Los Invaders con acceso libre.

O sábado 25 de xullo, as Adegas Regina Viarum volverán ser un dos escenarios principais do festival coas actuacións de The Divine Comedy, Sidonie e Puño Dragón. A programación completarase o domingo en Chantada cun concerto gratuíto de Vera Fauna na Praza do Cantón.

0.26012992858887