O Festival Atlántica chega por primeira vez a Quiroga cunha xornada de narración oral en Vieiros

O Concello facilitará un microbús gratuíto desde Quiroga para asistir ás actividades previstas o 10 de xullo na aldea do Courel
a-fala-da-montaña-festival-atlantica
7 Jul 2026

O Concello de Quiroga participará por primeira vez como colaborador no Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, que celebrará unha das súas xornadas na aldea de Vieiros, no Courel, o vindeiro 10 de xullo. Con motivo desta cita, o Concello habilitará un servizo gratuíto de microbús para facilitar o desprazamento da veciñanza desde o núcleo urbano de Quiroga.

O Festival Atlántica é o maior encontro internacional de narración oral e contacontos de Galicia. Naceu en Santiago de Compostela en 2013 e celébrase entre finais de xuño e principios de xullo, reunindo artistas da narración oral en espazos patrimoniais de toda a comunidade. Nesta edición participan 64 narradores e narradoras en 33 localidades galegas entre o 26 de xuño e o 10 de xullo, con representación de Galicia, Portugal, Colombia, Huelva, Zamora e Navarra, entre outros lugares.

A organización destaca a descentralización da programación, que leva actividades culturais tanto a cidades como a pequenas vilas e parroquias rurais, contribuíndo ao acceso á cultura e á cohesión territorial.

A programación en Vieiros desenvolverase na Aira da aldea. Ás 17.00 horas, Miudiño S. Cooperativa ofrecerá o roteiro ecolóxico "A fala da montaña", unha actividade especialmente pensada para público familiar na que, a través da observación, o xogo e a narración, as persoas participantes descubrirán a paisaxe, a natureza, o patrimonio local e as historias e lendas da contorna. O percorrido busca fomentar unha nova mirada sobre o territorio e reforzar o vínculo coa montaña.

Ás 20.00 horas será a quenda de "Contos de tascas, tabernas e outros tugurios", unha sesión de narración oral protagonizada por María da Pontragha e Miguelón Paz. O espectáculo reúne historias inspiradas no ambiente das tabernas, con personaxes, vivencias cotiás e relatos populares que evocan a tradición oral compartida arredor dunha mesa.

Co obxectivo de facilitar a asistencia, as concellerías de Dinamización Lingüística e Participación Cidadá organizan un desprazamento gratuíto en microbús. A saída terá lugar ás 15.45 horas desde a Casa da Cultura de Quiroga e o regreso está previsto para as 22.00 horas. As persoas interesadas deberán reservar praza chamando ao teléfono 657 014 555. Os menores de idade deberán asistir acompañados por unha persoa adulta.

O concelleiro Xosé Manuel Fernández animou á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta iniciativa e destacou a importancia de propostas que, segundo sinalou, "levan a cultura ao rural poñendo ademais en valor a vida e o patrimonio histórico e natural das nosas aldeas".

O Festival Atlántica conta co patrocinio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Na xornada de Vieiros colaboran tamén o Concello de Quiroga, Miudiño S. Cooperativa, Proxecto Vieiros e o Pacto Cultura Sustentable.

0.37445783615112