O Festival Aturuxo de Bravos reunirá a cinco formacións do panorama musical galego co apoio da Deputación

O Festival Aturuxo de Bravos presentou este sábado a programación da súa décimo cuarta edición, que contará cun cartel formado por artistas e bandas galegas recoñecidas e co respaldo da Deputación de Lugo, nunha cita que se consolida como referencia cultural na comarca da Mariña.
A presentación celebrouse no atrio da igrexa de Bravos coa participación do deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, o alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, e representantes da Asociación Cultural Aturuxeiros. O festival terá lugar o 18 de xullo na parroquia de Bravos e manterá o formato de entrada libre e acampada.
A organización confirmou que a edición deste ano reunirá a cinco formacións do panorama musical galego e que o evento busca consolidarse como un espazo de encontro interxeracional, combinando música en galego con actividades paralelas e programación cultural aberta á veciñanza.
O cartel estará composto por Banda da Balbina, Sabela, Vimbio, Pandereteiros do Inferno e Tumba e Dálle, nunha programación que combina folk, rock e outros estilos contemporáneos.
O deputado de Recursos Sostibles destacou o valor do festival como motor cultural e económico da zona e puxo en valor o traballo da organización. “O Aturuxo non é só unha cita musical, senón a demostración de que os grandes proxectos non dependen do tamaño dun lugar, senón da capacidade das persoas para traballar xuntas por un obxectivo común”, sinalou.
A Deputación de Lugo achega arredor de 21.000 euros para a organización do evento, destinados á contratación de bandas, montaxe de escenario e equipamento de son, ademais de servizos loxísticos como carpas e aseos. Cajoto subliñou que o apoio encaixa co compromiso institucional coa cultura galega, o asociacionismo e a dinamización do rural.
Como parte da programación previa, este sábado pola tarde celebrouse un acto no espazo cultural Sacabeira, na contorna de Sargadelos, con música en directo a cargo do grupo Aló Vai, ademais de sorteos e unha comida popular que serviu de antesala do festival.