O Festival C poboa Compostela de cultura gratuíta durante todo o mes de agosto

Do 4 ao 28 de agosto, o Festival C ofrecerá en Santiago preto de trinta propostas culturais para todos os públicos: circo, danza, teatro, poesía, música, contos, maxia e cinema.
Festival C
30 Jul 2025

Do 4 ao 28 de agosto, o Festival C volverá encher as rúas de Compostela con preto de trinta propostas culturais de balde e para todos os públicos. Organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, e co apoio da Deputación da Coruña, o festival conta tamén coa colaboración de programas como Apego ou Danza a Escena do INAEM.

A praza da Quintana, o parque de Bonaval, o parque de Galeras, a Casa das Máquinas e a rúa Concepción Arenal serán os principais escenarios desta edición. Circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema conforman unha programación pensada para gozar do verán coa cultura como protagonista.

A concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao, e o deputado provincial Xosé Penas destacaron na rolda de prensa a importancia do festival para achegar a cultura á cidadanía e defendela como un dereito colectivo.

Todas as actividades serán de balde e de acceso libre, agás os obradoiros de circo para a rapazada, que precisan inscrición previa no enderezo circonoveoficina@gmail.com para controlar o aforo.

Entre as citas destacadas están os espectáculos de danza no parque de Bonaval cada luns ás 20.00 h, as sesións de contos infantís do programa Apego cada martes ás 18.00 h, e un ciclo de poesía e música tradicional con cantareiras e pandeireteiras cada mércores ao solpor na Alameda.

O Festival C propón así un verán de cultura accesible, aberta e diversa para habitar a cidade desde a creatividade e a participación.

⚙ Configurar cookies
0.2102689743042