O Festival de Jazz de Lugo conmemora o centenario de Miles Davis e John Coltrane con dous concertos

O Festival de Jazz de Lugo celebrará o centenario do nacemento de dúas figuras fundamentais da historia do jazz: o trompetista Miles Davis (1926-1991) e o saxofonista John Coltrane (1926-1967), que protagonizaron unha colaboración musical decisiva para a evolución deste xénero. A programación especial incluirá dous concertos no Círculo das Artes, os días 5 e 13 de novembro.
A primeira cita será o 5 de novembro con James Carter Organ Trío, que presentará o espectáculo Trane: A Centennial Supreme, unha proposta coa que homenaxea a John Coltrane no ano no que se cumpren cen anos do seu nacemento.
James Carter é un saxofonista recoñecido pola súa versatilidade e enerxía interpretativa. A súa chegada á escena jazzística de Nova York a comezos dos anos noventa, despois de trasladarse desde Detroit, espertou un notable interese entre a crítica especializada. O seu primeiro álbum, JC on the Set, publicouse en Xapón cando tiña 23 anos e chegou aos Estados Unidos en 1993, onde recibiu unha ampla aclamación. A súa capacidade para abordar diferentes estilos sen renunciar a unha identidade propia converteuno nunha figura destacada do jazz contemporáneo.
Ao longo da súa carreira, Carter consolidouse tamén como líder de formacións e desenvolveu unha ampla discografía marcada pola experimentación con sonoridades e texturas diversas. O seu traballo foi recoñecido en varias ocasións nos premios Critics' Choice e Readers' Choice da revista DownBeat, especialmente pola súa habilidade co saxofón barítono.
A segunda actuación terá lugar o 13 de novembro e reunirá o trompetista francés Erik Truffaz e o músico gaditano Antonio Lizana no proxecto New Sketches of Spain, creado arredor do centenario de Miles Davis.
Truffaz, unha das voces máis persoais do jazz europeo e herdeiro da experimentación electrónica impulsada por Davis, únese a Lizana, referente do flamenco jazz, para ofrecer unha aproximación actual ao universo de Sketches of Spain. Neste álbum, publicado orixinalmente por Miles Davis en 1960, o trompetista estadounidense explorou a conexión entre o jazz, a música clásica europea e as tradicións musicais españolas.
A obra, inspirada en parte no Concierto de Aranjuez, de Joaquín Rodrigo, e no flamenco, converteuse nun fito pola súa capacidade para abrir o jazz a outras culturas e linguaxes musicais.
Con todo, New Sketches of Spain non pretende reproducir literalmente aquela gravación nin ofrecer unha versión convencional do orixinal. Truffaz achega o seu son lírico e atmosférico, con influencias electrónicas e cinematográficas, mentres que Lizana incorpora a esencia do flamenco a través do cante jondo, o saxofón e o coñecemento dos ritmos e da tradición andaluza.
O resultado busca situar o jazz e o flamenco nun mesmo plano creativo para construír unha proposta contemporánea na que conflúen a improvisación, a forza rítmica, os silencios e as paisaxes sonoras. O concerto propón así unha viaxe por unha España á vez imaxinada e real, reinterpretada desde as posibilidades expresivas do jazz do século XXI.