O Festival de Pardiñas celebrará a súa 47ª edición cun amplo programa que pregonará Alfonso Blanco

Entre as propostas vinculadas á cultura popular figuran tamén os obradoiros de trebón, os bailes tradicionais e diferentes actuacións de música e danza
presentacion-festival-de-pardinas-47
18 Jul 2026

O Festival de Pardiñas volverá converter Guitiriz nun dos grandes referentes culturais do verán galego os días 1 e 2 de agosto cunha programación que combinará música, artesanía, cultura tradicional, deporte e actividades para todos os públicos. A cita, organizada por Xermolos, coincide este ano co 50 aniversario da entidade cultural, que terá no párroco Alfonso Blanco o encargado de pronunciar o pregón oficial.

A programación arrancará xa o venres 31 de xullo cun encontro amigable de fútbol gaélico e unha nova edición do Certame de Cantos de Taberna, que levará a música tradicional aos locais hostaleiros da contorna a partir das 20.30 horas.

O festival desenvolverase durante toda a fin de semana coa celebración da XXXIII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e da XLVII Mostra de Artesanía, dous dos sinais de identidade dunha cita que reúne cada ano a centos de artesáns, músicos e visitantes chegados de diferentes puntos de Galicia e doutros territorios.

Entre as propostas vinculadas á cultura popular figuran tamén os obradoiros de trebón, os bailes tradicionais e diferentes actuacións de música e danza. O sábado pola tarde terá lugar o pregón da Mostra de Instrumentos, a cargo de Concha Losada. Mentres que o domingo será o pregón do Festival, a cargo do seu fundador Alfonso Blanco Torrado, no que se celebran tamén os 50 anos de creación de Xermolos.

O domingo se celebrarán tamén actividades como o Encontro Regueifa na Chá, a presentación do cómic Nariz Vermello e a entrega dos premios do XLVII Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil.

O apartado musical volverá ser un dos grandes atractivos do festival. O sábado subirán ao escenario principal formacións como Bloquinho de Xermolos, Tanto nos Ten, Aliana xunto ás pandeireteiras Lina e Lola, os andaluces Eskorzo, que conmemoran tres décadas de traxectoria, e Malaoa Brothers, grupo que fusiona rap e electrónica.

A programación continuará o domingo con actuacións de Os Carecos, os rusos Dobranoch e Cholo Chicha, banda que mestura sons latinoamericanos e ritmos contemporáneos. O peche musical correrá a cargo de Belesta, formación de punk folk galego.

Tamén haberá sesión vermú os dous días, con Seimeira o primeiro día e con Arroxó o segundo. Nas tardes haberá oco para Pandeireteiras Agrocovo e Sete Aldeas, ambas dentro da programación da Mostra de Instrumentos.

O deporte tamén terá o seu espazo cunha nova edición do Aberto de Billarda e coa tradicional carreira popular, que ano tras ano incrementa a súa participación. Ademais, non faltarán as actividades infantís e familiares, consolidando o carácter interxeracional dun festival que mantén viva a súa aposta pola cultura popular, a creatividade e a convivencia.

Coa combinación de concertos, artesanía, tradición oral, actividades deportivas e propostas culturais, Pardiñas reafírmase unha vez máis como unha das citas máis emblemáticas do calendario cultural galego.

PROGRAMA COMPLETO

0.26601099967957