O festival feminista Polas Bravas enche Chantada de música, arte e cultura

O festival reunirá figuras destacadas do ámbito cultural e do activismo, como Cristina Fallarás ou Gabriela Wiener, ademais doutras creadoras, artistas e referentes do panorama galego e internacional
polas-bravas-2024-foto-polamiuda
5 Jun 2026

Chantada acolle desde esta tarde unha nova edición do festival Polas Bravas, que se celebra os días 5 e 6 de xuño e que se consolida como unha das citas culturais de referencia no ámbito feminista na provincia de Lugo.

O evento, organizado pola asociación feminista chantadina Polamiúda e coa colaboración do Concello de Chantada, da Deputación de Lugo e do tecido empresarial local, ofrece unha programación de acceso libre e gratuíto que abrangue disciplinas como música, poesía, teatro, circo e performance.

O festival reúne este ano a destacadas figuras do ámbito cultural e do activismo como Cristina Fallarás ou Gabriela Wiener, ademais doutras creadoras galegas e internacionais.

A primeira xornada comeza esta mesma tarde na Praza da Paz a partir das 21:00 horas. O programa arrincará cun recital poético de Silvia Penas, seguido da actuación musical de Silvia Penide. A presentación da velada correrá a cargo da actriz galega Arantza Villar, integrante da compañía Chévere.

O peche da noite chegará coa actuación musical de Ruth Conde, coñecida artisticamente como ‘Ningún DJ’, cunha proposta vinculada tamén ao activismo social.

A programación continuará o sábado desde o mediodía no parque Eloísa Rivadulla. A xornada abrirase ás 12:00 horas co coro infantil Música na Escola, seguido dun espectáculo de circo a cargo de Marta Iglesias. Ás 13:00 horas será a quenda do Coro de Mulleres Bravas.

Tras a sesión vermú coa pinchada das Chapamama, o festival seguirá pola tarde coa chegada de La Nuestra Festival Ambulante, que incluirá intervencións como as de Cristina Fallarás e Gabriela Wiener, xunto a outras creadoras como Andrea Aldana e Lourdes Lucía.

Pola tarde, o Auditorio acollerá a partir das 18:30 horas a peza teatral de Brigitte Vasallo, Queixa [Roma ou Morte], dirixida por Gena Baamonde. O festival pecharase de novo no parque Eloísa Rivadulla cunha programación musical na que actuarán Os Rascals, Abril, Nadie González, Amiga Fea e a sesión final a cargo de Señora DJ.

0.38542985916138